MARÍA ANTONIA DANS
Dans Boado, María Antonia
( Oza dos Ríos, A Coruña, 1922 - Madrid, 1988 )
Biografía
Nace en Oza de los Ríos e con oito anos trasládase a Curtis —lugar que vai marcar a súa vida e obra—, onde establecerá o seu estudo en Galicia. En 1939 a familia fixa a súa residencia na Coruña, e María Antonia inicia a súa formación artística na Escola de Artes e Oficios e nas clases de pintura de Dolores Díaz Valiño. Realiza a súa primeira exposición con Gloria de Llano, na cidade herculina en 1950, que lle proporciona un grande éxito de críticas e vendas; permítelle visitar Madrid, onde descobre un fervedoiro no cal se cocen todas as vangardas. Regresa á Coruña por pouco tempo co obxectivo de regresar á capital. Coñece o escritor e xornalista Celso Collazo Lema, con quen contrae matrimonio en 1952 (do que se separará anos máis tarde), e rapidamente trasládanse a Madrid. Alí introdúcese —da man do seu marido— no ambiente artístico. Participa nos parladoiros do Café Gijón, onde establece amizade con Cela, José Hierro ou Carmen Laforet, e estuda por libre no Círculo de Belas Artes e na Escola de San Fernando; establece unha estreita relación con Vázquez Díaz e Benjamín Palencia. Realiza a súa primeira mostra en Madrid en 1953. En 1970 realiza a súa primeira exposición individual na galería Biosca e xeneralízase a súa consideración como “pintora consagrada” tanto por territorio español coma no estranxeiro. Ao longo da súa traxectoria obtén varias bolsas dos ministerios de Educación Nacional e de Asuntos Exteriores e a bolsa da Fundación March —que lle permiten ampliar estudos en Italia—, así como reputados galardóns entre os que destaca o Premio da Vila de París (1963). Cabe destacar a súa faceta como debuxante no diario Pueblo, e de ilustradora de libros infantís. A súa obra forma parte de importantes coleccións como a Colección Abanca ou a Colección Carmen Thyssen.
A pintura de Dans é profunda e intencionadamente inxenua. A súa pincelada é moi eficaz, o seu colorido é intenso pero matizado con dozura, e apodérase duns trazos de debuxo sucintos. Atopa a inspiración temática nas paisaxes —xénero no que destacou— e nos temas populares galegos, onde expresa recordos e sensacións vividas; en palabras de Dans: “pinto lo que veo, lo que he visto desde niña…”. Aborda tamén o bodegón e o retrato, que se caracteriza pola súa carga psicolóxica. Nos seus inicios traballa sobre todo coa acuarela, e cando se traslada a Madrid evoluciona ao óleo e tamén explorará as ceras e técnicas mixtas. As súas influencias máis directas son Benjamín Palencia, Carlos Maside e a Escola de Madrid. Contra finais dos sesenta consolida o seu estilo, e na década dos setenta/oitenta goza do seu momento de esplendor cunhas obras que podemos entendelas como unha síntese do seu legado artístico.
Na Colección Afundación figuran nove representativas obras da artista, maioritariamente óleos. Salvo o bodegón con flores da súa etapa inicial, o resto (entre as que atopamos as súas temáticas predilectas: paisaxes, temas aldeáns, retratos e naturezas mortas) son posteriores a finais dos sesenta —momento de consagración da artista. En obras como Prados de Curtis destaca a súa forma de estruturar as paisaxes mediante planos, e a fluidez da pincelada. En Muller con queixos encontramos unha composición onde a simplificación de formas e a paleta máis fría nos aproxima á súa temática popular centrada no factor humano, case se sente o que pensa a protagonista. En todas achamos o denominador común do dominio da cor e o ton amable.
Bibliografía
Areán, Carlos-Antonio: Joven figuración en España. Madrid, Publicaciones Españolas, 1964.
Campoy, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.
Bustamante, Juby: Mª Antonia Dans. Madrid, Ministerio de Educación y Ciencia, 1974.
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia 1987.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo 1981.
Moreno Galván, Jose María: Introducción a la pintura española actual. Madrid, Publicaciones españolas 1960.
Gaya Nuño, J. A.: La pintura española del siglo XX. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1970.
Pablos, Francisco: Colección Adriano Marques de Magallanes. Vigo, Concello, 1992.