IMELDO CORRAL
Corral González, Imeldo
( Ferrol, 7 de junio de 1889 - 8 de noviembre de 1976 )
Biografía
Imeldo Corral González é un artista autodidacta que, por un tempo e en plena xuventude, vive en Madrid onde, por unha parte, procura extraer aprendizaxes do Museo do Prado, a onde acode moitas veces en compañía do artista, tamén galego, Federico Ribas, e, pola outra, inicia o seu interese pola práctica da paisaxe. É tempo de aprendizaxe, no que debuxa moito e iníciase na pintura, utilizando o óleo, o pastel e a acuarela.
Imeldo Corral escribe da súa propia pintura: “Soy gallego… el paisaje me dice algo: yo lo interpreto y lo llevo al lienzo”. En 1912 era xa un pintor acreditado dabondo como para formar parte do grupo de artistas con obra na Exposición Rexional do Centro Galego de Madrid. A súa vida repártese entre A Coruña, á que considera “mi ciudad de adopción”, Ferrol, “mi descanso”, e Valdoviño, “mi inquietud pictórica”, lugar, por certo do que chegou a dicir que “… me pertenece moralmente, por lo mucho que realicé pictóricamente allí”.
Observouse na súa evolución estilística unha primeira etapa, ata 1920, na que o seu xeito de pintar responde a unha persoal interpretación do impresionismo. Nun segundo momento, con formas que perduran máis de corenta anos, este pintor, sen deixar o rexistro impresionista, adopta un carácter máis expresionista. Finalmente, tenderá cara a exercicios nos que practica a que foi entendida como unha “estilización abstractizante”.
No fondo, Imeldo Corral non deixa, tampouco, de partir, sobre todo nos seus principios, de ideais modernistas nos que a pegada da estampa xaponesa é evidente; pero, aínda sendo así, o seu interese polo impresionista lévao a eliminar contornos, a usar unha pincelada rápida, a procurar facer un convincente tratamento lumínico nuns cadros que, tantas veces, miran o mar desde eses lares das Rías Altas e doutras a campos nos que os perfiles montañosos comparten protagonismo.
Estamos ante un pintor amante da paisaxe, algo que nace do seu interese pola natureza mesma. Nese sentido di: “Una gran parte de mi vida la pasé en el campo en diaria comunión con él. Caminando por los senderos, corredoiras, pinares, montes y valles, y por la arena fina de las playas solitarias al sol, al viento, al agua y entre la niebla”. Pois ben, é en toda esta conxunción de espazos, soidades e circunstancias temporais das que nace a súa pintura.
En todo caso o modo de realización deste autor non deixa de ser unha loa ao que el entende como “belleza del universo” ao que el suma, nada máis e nada menos, que o seu “gozo de pintar”. Nese punto de partida, a natureza, e nese talante —gozoso no seu facer— traballa un artista de logros moi persoais.
A colección de Afundación conta con dous cadros: Paisaxe con ermida, de 1925, e Paisaxe, de 1930. Se no primeiro a ollada atende ao distante, no segundo ocúpase, basicamente, do sucinto arboredo que ocupa o máis inmediato.
José Manuel García Iglesias
Bibliografía
BARREIRO, A.: Del Arte gallego. Exposición regional, A Coruña, 1917.
CARBALLO CALERO, M. V.: Catálogo de pintura del Museo Provincial de Lugo, Lugo, 1969.
CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte», en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.
ILARRI GIMENO, A.: Catálogo del Pazo Museo «Quiñones de León», Concello de Vigo, Vigo, 1978.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, F.: Pintores gallegos del Novecientos, Fundación Barrié de la Maza, A Coruña, 1981.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
PABLOS, F.: Colección Adriano Marques de Magallanes, Concello de Vigo, Vigo, 1992.