JORGE CABEZAS
Cabezas Tomé, Jorge
( A Coruña, 1972 )
Biografía
Jorge Cabezas amosou interese pola creación artística desde neno e aínda que recibiría clases de pintura e debuxo nunca chegou a estudar a carreira de Belas Artes. Sería a comezos dos anos 90 cando presenta publicamente as súas primeiras obras na Coruña, no bar O Patacón, arroupado polo fotógrafo Vari Caramés. Desde entón, participou en varias exposicións a nivel nacional e internacional, moitas delas celebradas en pubs e locais alternativos, e certames de pintura. Deste xeito, conseguiu o primeiro galardón do concurso que promovía a compostelá Fundación Araguaney.
A súa obra está presente en coleccións como a da Deputación da Coruña, a do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, así como nas de moitos particulares e locais de hostalaría da cidade herculina. A súa carreira veríase interrompida en 2013 tras sufrir un ictus que lle deixaría paralizada a parte dereita do corpo. En 2019 a Fundación Luis Seoane da Coruña dedicaríalle a exposición Jorge Cabezas is Back!, coa que el mesmo colaborou na súa organización xunto a amigos e colegas, onde se recollía unha importante mostra do seu universo creativo, que se completou coa edición do libro Desescribir, no que participaron numerosos artistas, escritores e músicos como Antón Patiño, Alberto García-Alix, Yolanda Castaño, Xoel López ou Julián Hernández, entre outros.
Artista autodidacta, Jorge Cabezas creou un estilo figurativo propio moi definido coa súa propia iconografía protagonizada por obxectos cotiáns. Cargadas de textura aplicada mediante amplas pinceladas, as súas composicións resólvense de forma sinxela, sobre fondos indefinidos, onde elementos cotiáns como peixes, paisaxes urbanas, copas, cafeteiras ou bicicletas toman absoluto protagonismo.
Cabezas traballa segundo debuxos preparatorios que se acumulan nos seus cadernos de papel, para posteriormente elixir un soporte ao que traspasar esas ideas iniciais mediante trazos xestuais nos que adoita empregar unha gama cromática na que predominan os grises, os negros, os brancos ou os vermellos. Logra así unha figuración sintética e de reminiscencias primitivas moitas veces delimitada e perfilada por grosas liñas.
Son cinco as obras de Cabezas presentes nesta colección, datadas a finais dos anos 90 e comezos dos 2000, onde o autor xa definira a linguaxe plástica e iconográfica que definiría toda a súa produción. Así, nestes exemplos observamos copas ou peixes, que repetirá incesantemente ao longo da súa carreira, incluso combinados na mesma composición como sucede nas obras tituladas A copa caída e Copa e peixe. Así mesmo, observamos os fondos indefinidos que resaltan as figuracións dispostas en primeiro plano, con ausencia de busca de perspectiva. O emprego de pinceladas áxiles e matéricas transmítelles inmediatez e viveza ás obras, sensacións reforzadas pola secuencia de imaxes coas que recrea a caída da copa na primeira obra ou cos peixes que parecen nadar arredor da figura feminina sedente que protagoniza a obra titulada Nu.
Bibliografía
JORGE Cabezas is back!, Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2021.