ALFONSO ABELENDA
Abelenda Escudero, Alfonso Pedro
( A Coruña, 5 de octubre de 1931 - 21 de marzo de 2019 )
Biografía
Precoz foi a vocación plástica deste personalísimo artista xa que dende neno se viu ambientado pola súa nai, a pintora Pilar Escudero, e mais por seu avó, o escultor Escudero, de grande sona no seu momento. Tamén seu pai, médico, é un excelente debuxante. Segue as orientacións do pintor Mariano García Patiño ata que se traslada a Madrid para estudiar arquitectura. Coñece os arquitectos Molezún e Fernández Albalat, paisanos seus, que apoian a súa vocación estrictamente plástica, tamén alentada por Tino Grandío e José Antonio Ozores. Segue a súa aprendizaxe con Gutiérrez Navas e asiste ás clases do Casón do Bo Retiro, viveiro de artistas noveis. Realizou a súa primeira exposición na Coruña en 1954 cun éxito considerable. Xúntase ó grupo de artistas coruñeses que forman mozos que han de acadar fama moi axiña, Labra, Tenreiro e Lago Ribera. Xa entregado á pintura, segue a traballar durante o período do seu servicio militar en Marrocos, onde, auspiciado pola Unesco, realiza exposicións en Tetuán, Tánxer e Rabat. Hai en Abelenda unha vea humorística de raíz goiesca que o conduce á caricatura. Colabora en diversas publicacións deste xénero a partir de 1955, entre elas Don José e a famosísima La Codorniz, na que chega a ser unha das firmas máis destacadas. Unha vez que abandona os estudios de Arquitectura, volve a Galicia e matricúlase en Compostela en Ciencias Exactas, pero tampouco é esta a súa verdadeira vocación. Intensifica os seus traballos de humor, que lle dan fama onda nomes coma Puig Rosado ou Ballesta. Viaxeiro impenitente, percorre Europa e expón en Londres e París ó principio dos sesenta. Volve ós estudios de Arquitectura e acaba por se inclinar cara á decoración, ó tempo que prosegue as súas exposicións en diversas cidades de España. Participa en feiras mundiais de Nova York e Bruxelas. A súa faceta humorística proporciónalle a primeira medalla no Salón Nacional de Humoristas de 1968. En 1973 publicou un libro moi curioso, síntese da súa vea satírica, titulado El Abelendario. Sempre foi un artista de non doada clasificación xa que participa dos modos máis diversos e mesmo recorre ás recreacións que por fin fai expresións propias, dado que a súa personalidade é envolvente. A Goya dedicoulle unha atención preferente dando visións irónicas a personaxes retratados polo xenio aragonés que no galego se transforman para participar da espectacularidade e o intimismo nunha paleta quente, lírica, ás veces explosiva, sobre un debuxo coma con desleixo, e, sen embargo, tan firme, e excelente. Achégase ó expresionismo, dentro dunha xesticulación amable na que o tráxico ou denunciador queda disimulado, arroupado pola beleza formal da apariencia, en ambientacións deliciosas e suxeridoras, propias dun home de rica cultura que soubo asimilar séculos de arte e estética para dar deles unha visión actualizada e asemade sinóptica e barroquizante na que, sen dúbida, se acusa o seu carácter galego. Está representado en museos e mais coleccións institucionais de Galicia, de toda España e de diversos países de Europa e América.
Bibliografía
DE LAIGLESIA, A.: Humor gráfico español del siglo XX. Salvat Edit., Barcelona, 1970.
MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia. Caixa Galicia, A Coruña, 1987.
PABLOS, F.: Plástica Gallega. Caixavigo, Vigo, 1981.
GRAN enciclopedia Gallega. Volumen I. Editorial Silverio Cañada, Gijón, 1974.