Conscientes da importancia da música, como canle de comunicación, e incentivo para melloras cognitivas, socio-emocionais e motrices, desde Afundación contamos cun programa presencial de acceso á música en directo dirixido a todos os Centros de Educación Especial de Galicia. Unha actividade intensa en emocións e sentimentos: MÚSICA A FLOR DE PEL; que permite gozar dunha xornada festiva, divulgativa e musical acompañados pola música tradicional do músico Carlos Quintá e De T@pas (Fundación Igualarte).
Un aspecto moi importante á hora de considerar o uso da música é que axuda á comunicación. Ao incorporar a música ás súas vidas conséguese que, a través de melodías ou ritmos determinados, o alumnado interactúe coa súa contorna, e cos demais, con máis apertura e menos dificultade. Neste aspecto, e segundo reputados estudos neste campo, a música axuda a nenas, nenos e mocidade con necesidades especiais a mellorar o seu desenvolvemento sensorial e perceptivo, a sensibilización afectiva e emocional, a desenvolver a atención, observar a realidade, facilitar o establecemento de relacións interpersoais, actuar como alivio e redución da ansiedade, diminuír tensións, inquietudes e medos ou facilitar a expresión a persoas que non manexan o código verbal ou que teñen dificultades de comunicación ou expresión. E todo iso nunha celebración musical divertida marcada polos ritmos tradicionais de Carlos Quintá e De T@pas (Fundación Igualarte).
ESPAZOS
Esta actividade está dirixida a todos os Centros de Educación Especial de Galicia.
Realizarase nos propios centros escolares de Educación Especial. En interior ou exterior, segundo as condicións meteorolóxicas e sempre cumprindo con todos os protocolos que ditaminen as administracións sanitarias nese momento.
CARLOS QUINTÁ
Actividade baseada na música, e apoiada por elementos escénicos e lúdicos da tradición musical e oral galega, adaptada aos tempos. Todas as cancións e xogos propoñen a participación do público de diferentes maneiras. As actividades desenvolveranse usando linguaxe inclusiva e non competitiva. As diferentes actividades organizaranse en función das características do espazo e o público, e cumprindo estritamente as normas sociais e sanitarias vixentes no momento de realizalas.
OBXECTIVOS
• Coñecer e valorar a cultura e música populares como punto de partida para reelaborar actividades artísticas no presente.
• Favorecer a interacción e o goce en grupo.
• Coñecer mediante o contacto directo instrumentos da música popular galega.
Carlos Quintá é de Caxide (Lalín 1979). Diplomado en Maxisterio. Músico de vocación, violinista e acordeonista. Finaliza o itinerario de acordeón diatónico no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín. Profesor desde 2010 ata a actualidade da aula de acordeón diatónico da E- Trad, escola de música tradicional e folk do concello de Vigo. Produtor, arranxista e músico do ensemble Linho do Cuco desde 2003 ata 2015 cos que edita os discos Linho do cuco (2004), 3 (2007), As Alegrías (2010) e Viva Viva! (2013); e cos que toca en directo en Bretaña, Francia, Portugal, Italia, etc. Membro de diferentes ensembles de música tradicional e moderna, orientada ao baile, e colaborador en directo e estudo de grupos como Os Cempés, Motor Perkins, Ataque Escampe… Produtor e arranxista do disco Peixe de Xisco Feijóo (2021). Membro xunto a Luchi Iglesias de Xogos do Paporrubio, compañía itinerante de monicreques, xogos populares e música cos que representa os espectáculos Xogos do paporrubio (2014) e Varietés de Animalario (2020). Membro colaborador das compañías de teatro de monicreques Seisdedos, Viravolta e Fantoches Baj, coas que actúa en directo e se encarga da parte musical, e coas que leva máis de 300 representacións de obras como O galo Kiriko (2006), Cocer e cantar (2012), Contos do Tranvía (2011), Os romeiros do Caracol (2019), etc.
DE T@PAS
GRUPO DE MÚSICA TRADICIONAL. FUNDACIÓN IGUALARTE
O grupo de música tradicional De t@pas propón tres opcións que se adaptarán en función do alumnado ao que se dirixan.
- Concerto de Música Tradicional: repertorio de temas tradicionais, fusionando ritmos e harmonías tradicionais con sonoridades modernas.
- Animación musical: audición musical interactiva. En cada tema o público participa do ambiente sonoro, formando un todo de maneira interactiva.
- Música para peques: a música e a súa sensación, e os instrumentos e a súa experimentación. Un traballo musical onde o sensorial e o auditivo están moi presentes.
O Grupo de Música Tradicional De t@pas nace fai cinco anos, sendo un dos seus obxectivos fundamentais o goce da música tradicional galega, as súas raíces e as súas orixes. O grupo De t@pas fórmano seis músicos que dan vida á animación musical.
FUNDACIÓN IGUALARTE
Un espazo activo onde se traballa a arte con persoas con capacidades diferentes, entendendo que a arte é un dereito que nos pertence a todas e todos, que conleva a maxia de expresar, comunicar, transmitir… Esta entidade sen ánimo de lucro nace no ano 2002, creada e formada por profesionais da educación e da arte. Declarada fundación de interese galego pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. No ano 2010 recibiu o galardón ao “Proxecto cultural máis innovador e vangardista” que outorga a Deputación de Pontevedra polo seu labor levado a cabo no campo artístico e cultural con persoas con necesidades educativas especiais.
A flor de pel
A flor de pel
A flor de pel
Carlos Quintá
Grupo de música tradicional De t@pas / Fundación Igualarte
Grupo de música tradicional De t@pas / Fundación Igualarte
Grupo de música tradicional De t@pas / Fundación Igualarte