• Español
  • Acceso centros
  • Proxectos
  • Axenda
  • Afundaciontv
  • Oferta educativa
  • Axenda
  • Afundaciontv
  • Educación s.XXI
Inicio Área educativa Axenda
Axenda
Busca por...

Proxecto

Cidade

Entrada

Modalidade

Escolares. TODAS E TODOS CONTAMOS. Actividade itinerante polos centros educativos de Galicia

Artes Plásticas y visuales
Compartir:
  • ico-twitterCreated with Sketch. En twitter
  • ico-facebookCreated with Sketch. En facebook
Escolares. TODAS E TODOS CONTAMOS. Actividade itinerante polos centros educativos de Galicia

Actividade itinerante polos Centros educativos de Galicia.

TODAS E TODOS CONTAMOS

Xornada escolar inclusiva con actividades para a arte e a creatividade, impartidas por persoas con diversidade funcional.

INFANTIL, PRIMARIA, 1º e 2º ESO

Nun contexto onde a superación das desigualdades sociais é xustamente a base en que se fundamenta a articulación da economía social, desde Afundación lanzamos este programa presencial para todos os centros de Galicia co que, a través de diferentes actividades culturais, o alumnado participe do valor da diversidade. Esforzo, empatía, aceptación do diferente, reforzo da autoestima ou o respecto son algunhas das ensinanzas presentes na actividade, impartida por persoas con diversidade funcional, mediante as que podemos mellorar a sensibilidade afectiva e emocional, favorecer unha sociedade equitativa, xusta e diversa e facilitar o establecemento de relacións interpersoais. Esta anovadora proposta pon en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, fomenta a inserción laboral de persoas con diversidade funcional e promove a súa autoestima e confianza ao exercer un rol activo na sociedade.

 

Contacontos e obradoiro | INFANTIL E 1º PRIMARIA | 3 € escolar

Contacontos LA FAMILIA narrará un conto creado pola Fundación IgualArte, con linguaxe de signos que fala das familias diversas: monoparentais, numerosas, con dous pais, dúas nais, etc. Logo do conto, no obradoiro Creando a miña familia, cada nena e neno creará un bonito móbil colgante coas persoas da súa casa.

Circuíto circense | 2º, 3º E 4º PRIMARIA | 3 € escolar

Nun espazo amplo crearán o seu propio circo. Colocarase un circuíto con diferentes estacións en que o alumnado terá que realizar actividades de equilibrio, puntería e acrosport. Ademais, caracterizaranse de diferentes personaxes con perrucas e outros complementos e realizarán unha pequena representación. As actividades circenses destacan polo seu carácter anovador e motivador. Fomentan valores educativos coma a mellora da convivencia, a cooperación, o aumento da autoestima persoal e grupal, o coñecemento e control do propio corpo e a superación de límites.

Globoflexia | 5º E 6º PRIMARIA | 3 € escolar

O alumnado saberá primeiramente dos principios da globoflexia, para logo practicar esta técnica artística que emprega a torsión como elemento modelador. Comezarán polo básico para conseguiren ao final do obradoiro facer unha gran figura composta. A globoflexia na área educativa permite fomentar a creatividade e a imaxinación para obter formas complexas e orixinais.

Proxección de curtametraxes | 1º E 2º ESO | 3 € escolar

Dúas curtas de temática inclusiva, realizadas pola Fundación IgualArte:

Con lupa. Unha historia cotiá e íntima, construída sobre os xestos e os silencios. Preséntase un abano de olladas que revelan a incomodidade de cada situación descrita, e en cada unha delas subxacen os nosos prexuízos e medos.

Por eso. Narra a historia dunha moza con diversidade funcional que ten a inquedanza de prolongar os seus estudos. Acode a se inscribir nun ciclo medio, porén, cando chega á secretaría do centro educativo, atópase con barreiras inesperadas. Esta curtametraxe trata de reivindicar a igualdade de oportunidades educativas.

Ao remataren as proxeccións, abrirase un pequeno debate sobre as mensaxes e reflexións tiradas das curtas, no que participarán tamén algunhas das actrices ou actores protagonistas. A modo de peche, cada escolar fará un collage sobre a temática tratada.

 

ESPAZOS Actividades presenciais nos propios centros escolares

CALENDARIO 2º e 3º trimestre do curso escolar

INSCRICIÓNS No 986 120 089 | Pago mediante transferencia bancaria

  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026 © Fundación Galicia Obra Social
  • Área Educativa

    areaeducativa@afundacion.org
    986 120 089