Buscador avanzado de eventos
Cando
Onde
Que
Quen

























«Xesús Corredoyra e o simbolismo na pintura galega». Lugo

Mostras

Baixo o título «Xesús Corredoyra e o simbolismo na pintura galega» presentamos nova exposición na Sede Afundación de Lugo articulada con obras das coleccións de arte de Afundación e ABANCA e doutros préstamos particulares e de museos ata sumar un total de 29 cadros. Descubre esta exquisita selección do artista lucense, discípulo de Sorolla e Zuloaga, que deu en ser un dos nosos meirandes artistas do século XX. Amosamos con el unha pintura inserida de cheo no universo simbolista. Vena visitar ao noso edificio ata o 4 de febreiro de 2017.

 

A obra de Xesús Corredoyra (Lugo, 1887 - Santiago de Compostela, 1939) revélanos unha pintura moi literaria que evoca Valle-Inclán e mais o Greco, o que o achega a pintores españois coma Julio Romero de Torres ou Ignacio Zuloaga, sendo o manierismo, o barroco e o primitivismo, referentes explícitos, plasmados por medio dunha paleta intencionadamente reducida, traballada con grande harmonía, que adoita reflectir estados anímicos de inquedanza, seres atormentados ou ateigados de misticismo.

 

A súa concepción estética responde a unha extensión globalizadora da poética simbolista que se deu no seu tempo, a comezos do século XX, na arte peninsular e mais en toda Europa. O credo positivista, representado polo realismo e o primeiro impresionismo, foi asimilado ao que en teoría sería o seu oposto, pasando a ocupar unha posición hexemónica en todos os eidos da creación.

 

A pegada simbolista é evidente no noso país en artistas de distintas xeracións e estilos como Fernando Álvarez de Sotomayor, Castelao, Manuel Abelenda, Juan Luis López ou Carlos Sobrino. En xeral, na pintura galega desta altura non é raro que apareza unha visión requintada, decorativa, que encadra os temas literarios e populares nunha retórica teatral. De todos os xeitos, esta primeira xeración do século XX, flutuante entre o rexionalismo, o modernismo e o simbolismo, dará os primeiros pasos na procura dunha arte nacional, buscando ese «sentimento da terra». A obra de Xesús Corredoyra insírese plenamente no universo simbolista, mais non o fai dun xeito puramente mimético a respecto das orientacións xerais deste movemento. Comparte con esta corrente estética a concepción dunha pintura que se orienta cara a recomposición do plano espiritual, cunha influencia literaria moi marcada, que no seu caso podería pórse en diálogo coa obra de Emilia Pardo Bazán, en especial na súa novela La Quimera, e con Valle-Inclán.

 

O retrato, que desenvolve desde os anos 10, está inspirado en modelos como os de Ignacio Zuloaga coa figura en primeiro plano, paisaxe ao fondo con ceos nubrados, de treboada ou luz interior. Adoptan, pois, uns esquemas nitidamente simbolistas. O artista recrea a estética barroca e manierista, con doses de primitivismo. Aínda que non se distancia dos exemplos compositivos máis académicos (Sotomayor) ou modernistas (Manuel Abelenda) contemporáneos, insire  neles unhas maiores doses de subxectividade.

 

O feminino é obsesión doente. Percibe a muller como un atractivo e ao tempo como un perigo. Esta visión, froito das mudanzas dos roles masculino-feminino desde finais do XIX, ten no noso pintor unha plasmación que foxe da muller sedutora e pecaminosa para xerar a idealización mística do feminino.

 

O lugués opta por concibir o cadro coma a concreción dunha linguaxe de símbolos, en que o intuitivo e emocional teñen unha enorme relevancia. Os temas son tratados como mensaxes cifradas –no seu caso inserindo decote textos, moitos relixiosos– que nos levan a intensos sentimentos. El tira de fontes cristiás ortodoxas, que subliñan a súa forte raizame conservadora e católica.

 

A súa relación coa pintura do Greco é ben evidente e nunca foi desmentida polo noso pintor. O tipo de figuras de estilizado manierismo e os tons escuros remiten a unha lectura misticista, coma a que nesta altura dominaba a respecto do Greco.

 

A paisaxe, claramente estilizada, convértese en instrumento para expresar un sentido da relación da súa subxectividade co mundo externo, como produto dun estado de ánimo interior que se proxecta sobre unha realidade tanxíbel. Un estado de ánimo interior sempre presente nas mellores obras do noso pintor.

 
Visitas-obradoiro para escolares.

 
«Retratos para un conto». Infantil a 3º de primaria
«O que os lenzos esconden». 4º de primaria a 2º de ESO
«Xesús Corredoyra». 3º de ESO a bacharelato e C.F.

 

Visitas comentadas para público xeral.
Reservas: 986 129 032 ou areaeducativa@afundacion.org

 

Horario

Luns a sábado de 18.00 a 21.00 h. 

Entrada de balde. 


Horarios

Novembro 2016

L M X J V S D
31123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
2829301234
Sede Afundación Lugo
Luns a venres : 18.00 a 21.00 h.

Eventos relacionados

«O artista e a cidade. Visións e realidades». Lugo

27
Mar