Sin título
Comentarios
Estas pezas son o resultado dunha traxectoria na que Basallo comeza realizando esculturas macizas, coa idea de sacar do bloque o que sobra para conseguir a obra final. Non obstante, co paso do tempo, o artista abandona as gubias en favor dos serróns, machetes, cepillos... ferramentas máis ligadas aos ebanistas que aos escultores, compoñendo pequenos elementos, unindo pezas, ensamblando, combinando a madeira con cordas, arames, cobre... como o fai na obra aquí comentada. En lugar de encher o espazo e crear volumes opacos e pechados, o que fai Basallo é xogar co propio espazo, sen necesidade de enchelo, a través de estruturas ocas, que grazas á iluminación que reciben proxectan sombras que forman parte da propia escultura e axúdanlle a crear distintos tipos de sensacións, dependendo da dirección e tipo de luz que reciben.É curioso como este artista comeza coa madeira como material escultórico porque non se podía permitir outros como o mármore ou as fundicións en bronce, por exemplo. Pero a pesar do paso do tempo, dunha importante traxectoria como artista, e a pesar de poder permitirse economicamente outro tipo de materiais, Basallo segue fiel á madeira, ás súas orixes e converte os elementos de reciclaxe e esa economía de medios nunha linguaxe propia co que dota as súas esculturas dun diálogo entre pensamento, materia e forma.
Non busca a escultura monumental, el mesmo di que elabora pezas artesanais que se converten en artísticas grazas ao espazo expositivo, ao contexto que os rodea. Evita todo tipo de convencionalismos, non quere que o encadren nun estilo, non obstante na súa obra é facilmente recoñecible a súa sinatura grazas á coherencia e fidelidade á súa traxectoria, e mesmo se poden apreciar influencias de artistas como Brancusi, Giacometti ou Calder entre outros. Gústalle que as súas obras se integren no espazo sen necesidade de subilas a peañas ou pedestais, en moitas ocasións utiliza pés de madeira, a modo de trípode, para soster as súas esculturas e evitar que caian. Neste caso, as tres pezas son inestables, a súa base esférica non permite que se manteñan de pé, na súa orixe están pensadas para que busquen nunha parede o punto de apoio que lles falta, xogando co equilibrio estático, algo característico en moitas das esculturas de Basallo.