CARRIER
Comentarios
As obras de Francisco Leiro esconden unha historia, unhas veces contada dende un punto de vista cómico ou irónico e outras dende un lado tráxico ou amargo. O uso da metáfora para contar un feito real faise patente nesta ocasión. Unha figura transporta outras dúas, aparentemente mortas, como Caronte, barqueiro de Hades na mitoloxía grega, era o encargado de guiar as sombras errantes dos defuntos dun lado a outro do río Aqueronte se tiñan un óbolo para pagar a viaxe. Este personaxe carrexa outros dous, só que un deles non parece estar morto, no seu corpo apréciase forza nos músculos, flexiónase coma se se quixese incorporar, nunha loita por manifestar que está vivo. A actitude e os xestos dos personaxes demostran distintos aspectos: desolación, tristura, denuncia, confianza, esperanza.
Figuras rotundas, poderosas e monumentais, realizadas en madeira dunha forma ruda, onde se aprecian as texturas que conservan a pegada da gubia, dos machadazos. A rudeza do acabado potencia o expresionismo da escultura. Unha peza que, a pesar da súa monumentalidade, dialoga co espazo sen transgredilo.
Referencias á arte galega, á grandeza de Miguel Anxo, á escultura exipcia, ao expresionismo que Leiro lle arranca á peza cun carácter instintivo, pero con grandes doses de razoamento, deliberación e reflexión.
Exposiciones
Exposición "Espazo Colección Caixanova", no Centro Social Caixanova Vigo, dende decembro de 2007 - febreiro 2008.
Exposición “De Nova Materia. Escultura Contemporánea na Colección Caixanova” no Centro Social Caixanova Pontevedra, Do 21 febreiro ao 23 marzo 2008..- Centro Cultural Caixanova Vigo. do 15 maio ao 15 xuño 2008.- Centro Social Caixanova Ourense. Do 16 setembro ao 19 outubro 2008.
Reproducciones
Catálogo da exposición "De Nova Materia. Escultura Contemporánea na Colección Caixanova", páxs. 54-55.