HOMBRE
- INV:
- 9171
- Año de creación:
- 1989
- Dimensiones:
- 69 x 25 x 16
- Técnica:
- Ferro e base de madeira
Comentarios
O home é sempre a referencia na obra deste autor que sabe extraer do material sentimentos e latexos profundos.A dor vence o corpo que se rende e se esborralla perante un agresor descoñecido que fere a súa pel lacerada. A súa complexión estilizada describe unha liña ascendente, lonxitudinal, alzando no desmaio os brazos rematados nunhas mans acusadoras que coma poutas intentan aferrarse a unha salvación improbable. Os cabelos de arame, na súa rixidez, acentúan a sensación de movemento, de xiro violento do rostro cunha boca que exhala o grito delator do intenso sufrimento.
O autor obtén a máxima colaboración do ferro manipulándoo, coa experiencia do bo artesán. Traballa a superficie para incorporala como elemento expresivo, describindo unha carne ulcerada e maltratada a través da textura mordida e da valoración do oco.
O tempo parece estar conxelado, detido, para captar un momento único, o instante previo á caída, ó derrubamento do ser atormentado que, coma un anxo caído, se precipita cara ó inferno.