BARCOS NO MUELLE
- INV:
- 3363
- Año de creación:
- 1976
- Dimensiones:
- 33 x 41 x 0
- Técnica:
- Óleo sobre táboa
Comentarios
A paisaxe é un tema recorrente no autor, patrimonio dunha Galicia imaxinada que retratou sen descanso ó longo da súa vida.O porto transfórmase ós ollos do artista mariñao nun escenario fantástico, cheo de posibilidades onde captar o aire, o baile da auga, o xogo de asimetrías provocadas pola confusión entre barcos e grúas que crean unha maraña de formas, de ritmos verticais que se opoñen á placidez horizontal da paisaxe montañosa.
A investigación técnica é unha das súas características esenciais. Sempre aberto á innovación nos soportes, explorou nas infinitas posibilidades da materia centrando, como indica Antón Castro, “o esencial da súa pintura na estrutura debuxística”. A consistencia da composición permite que o trazo flúa con liberdade gozando da calidez da madeira que respira baixo a pincelada empastada. Distribuída con soltura, a espátula deseña formas, outorga volume mediante a insistencia do pigmento sobre a superficie.
A forte diagonal cara ó fondo xustifica a impresión de profundidade acentuada pola decrecente intensidade cromática dos barcos. O colorido do pesqueiro do primeiro plano vaise diluíndo nas embarcacións próximas ata se converter en pura sensación atmosférica, en humidade atlántica.