Comentarios
As experiencias no ámbito industrial permitíronlle ó autor acadar un perfecto dominio da técnica do cicelado e da temperatura de fusión das cores obtendo obras de efectos sorprendentes.
Sobre unha atmosfera irreal flota unha figura abstracta que remite a mundos e universos espaciais. A estrutura flotante concíbese nunha perspectiva que busca a impresión de profundidade, de obxecto que avanza cara ó interior penetrando na masa gasosa e colorista do fondo.
A superficie do corpo xeométrico non é plana, sobresae do soporte de metal orixinando un volume real conseguido polo coidadoso traballo co buril. O altorrelevo realza os diferentes planos e ángulos insistindo na verdade da forma.
As tonalidades están temperadas, os vermellos, amarelos e verdes nacen do proceso de oxidación e a súa presenza queda matizada polo dominio do negro, o ton máis potente empregado como elemento protagonista. O ennegrecido destaca as arestas metalizadas, enfatiza os perfís da figura euclidiana individualizando, aínda máis, o deseño de forxa que parece xurdir dun soño de Jorge Oteiza.
EXPOSICIÓNS:
"Solveira". Do 21 ó 31 de xaneiro de 1987. Sala de Exposicións de Caixapontevedra, Pontevedra.