El remanso

- INV:
- 2681
- Año de creación:
- 1970
- Dimensiones:
- 100 x 71 x 0
- Técnica:
- Óleo sobre lenzo
Comentarios
Imposible de aprehender, a natureza convértese no escenario suxestivo, no obxecto de inspiración, sempre cambiante e xenerosa coma unha musa de múltiples caras, formas e cores.A vexetación e o seu reflexo na auga é o tema de seducción, o centro de interese do autor que desprega toda a súa sabedoría para atrapar a extraordinaria vitalidade da paisaxe, a sensación de atmosfera, de verdade, nunha obra na que non existe o debuxo previo, traballada directamente do natural, captada in situ nun contorno que describe un ritmo ascendente, vertical, marcado polas árbores que proxectan as súas esveltas siluetas no remanso.
O verde intenso, brillante, da masa arborizada enriquécese con toques rosados e morados creando un ambiente cálido e de verán. Os azuis intuídos entre a espesura amosan un ceo luminoso que se enreda na follaxe permitindo o paso do aire, xerando sensacións de profundidade. A pincelada solta, impresionista, empastada de cor, chega case a rozar a abstraccción no seu desexo de plasmar a frondosidade do bosque, a vivacidade das tonalidades verdosas reproducidas, coma nun espello, na superficie do río que delata a presencia de puntos de luz directa ó combinar matices prateados co branco do lenzo, con espacios baleiros ateigados de significado.
Toda a paz e o silencio do mundo parecen emanar desta visión de soño, deste paraíso cheo de beleza e harmonía.