Retrato de caballero
- INV:
- 2642
- Año de creación:
- 1945
- Dimensiones:
- 66 x 85 x 0
- Técnica:
- Óleo sobre táblex
Comentarios
Considerado como un dos mellores retratistas da pintura española, este admirador da arte barroca deixará entrever nos seus retratos a influencia das súas viaxes a Holanda e os seus coñecementos da pintura flamenca e española, de Franz Hals e de Velázquez, dos que aprende que o retrato, máis que una representación física é unha introspección psicolóxica. Sotomayor introdúcese na personalidade do retratado a través dunha composición coidada en extremo, escrupulosamente pensada e medida, na que persoa e obra adquiren a mesma identidade, son un mesmo.No retrato mantén un esquema fixo que consiste en situar o personaxe á dereita do cadro, de medio corpo nun primeiro plano, relegando a paisaxe cara ó fondo. Destaca a dignidade do representado, neste caso sobriamente vestido con garabata e abrigo; de porte serio, o seu rostro amable esboza un medio sorriso e seduce cos seus ollos dun azul transparente.
O fondo non é neutro, non funciona como elemento decorativo senón que adquire na obra un valor fundamental. Paisaxe e personaxe identifícanse convertendo a natureza nunha metáfora da personalidade do retratado. A montaña e a árbore simbolizan valores como a estabilidade, a solidez e a nobreza, á vez que remiten á pintura do barroco, á paisaxe da serra de Guadarrama que Velázquez empregaba como fondo dos seus retratos reais.
A obra é un exemplo da capacidade técnica e da riqueza cromática do autor. Se na súas primeiros traballos Sotomayor recorría a unha pincelada solta, a súa evolución levouno cara a unha pintura máis detallista, acabada e relambida. A pincelada describe o óvalo dos rostro, as modulacións da luz sobre a fronte, o brillo da mirada, e todo esto confírelle volume e corporeidade á imaxe.
O contraste cromático determínase mediante dous niveis lumínicos. Fronte á árbore e ó cabaleiro, que se manteñen en semipenumbra, a luz concéntrase na paisaxe de fondo, na que domina unha paleta quente de rosas e laranxas, cores impostas mediante un trazo solto e dinámico que desentoa coa pincelada segura de ocres e pardos do primeiro plano.
Sotomayor, como un cronista da súa época, non só presenta imaxes individuais senón tipos e caracteres que definen a España do seu tempo.