Comentarios
O tempo parece estar detido nesta obra, na que a beleza da paisaxe se realza coa harmonía da arquitectura tradicional.
O peso da composición concéntrase no centro da obra, concibida como unha vista panorámica. Na zona inferior e superior domina o branco, que, con moi pouca axuda, suxire a presencia da auga e da atmosfera.
A sensación de unión de terra e mar, de campo e pesca queda patente na combinación das barcas cos palleiros, do mar coa videira, nunha visión da Galicia costeira, onde a importancia da pesca non eliminou o complemento fundamental da agricultura.
O debuxo revela as influencias do aprendido en París. Rafael Alonso practica un trazo rápido, case impresionista que, en ocasións, recorda os trazos da caligrafía chinesa. O autor párase na descrición dos elementos arquitectónicos, xoga coa mancha e o baleiro para provocar efectos cromáticos nunha composición que, pese ó seu folclorismo, escapa de convencionalismos.