HONFLEUR. PUERTO
- INV:
- 2627
- Año de creación:
- 1952 - 1953
- Dimensiones:
- 41 x 55 x 0
- Técnica:
- Rotulador sobre papel
Comentarios
Rafael Alonso buscou na súa estancia en Francia o contacto co mar, coas zonas portuarias, e os seus debuxos de Honfleur son un bo exemplo. Este peirao pesqueiro fora o máis importante de Francia ata que Le Havre pasou a ocupar o primeiro posto.En cada unha das composicións, o autor ofrece unha visión diferente e asemade complementaria da cidade, do seu porto e dos seus edificios.
No estudio número 17, a pesar do título, o verdadeiro tema son as casas da beira que compoñen a liña costeira.
A paisaxe é claramente urbana, dominada, en todo momento, polas construccións que ocupan a composición, marcada pola forte verticalidade dos inmobles que deixan un escaso oco para que flúa a atmosfera. A disposición en horizontal do papel permite gozar dunha vista panorámica da cidade. O debuxo, recio e de trazo simple, define a estructura vertical e xeométrica dos edificios, sen recargar en manchóns, sen pararse en descricións de luz e de sombra.
No caso do bosquexo número 21, a mirada sobre a paisaxe detense no peirao coas súas embarcacións. Sitúa, cun xesto rápido, o perfil curvado da costa, as casas amoreadas na beira, o chapitel da igrexa que sobresae por enriba das demais construccións. As barcas, representadas nunha visión escorzada que gaña en profundidade, reléganse á marxe dereita deixando o espacio central para captar a auga. O tramado de liñas que compoñen as velas animan a mariña e marcan diferentes planos de profundidade.
Os trazos convértense en liñas, ondas, puntos, describen, dun xeito sinxelo e gráfico, a arquitectura, o mar, a atmosfera, e buscan comunicaren ó máximo a través do imprescindible.