Comentarios
Rafael Alonso centra a súa mirada na paisaxe galega, nas formas e perfís da terra labrada e cultivada onde é evidente a presencia da man do home.
A paisaxe convértese nun medio para o estudio e análise da xeometría. Os campos son rectángulos e cadrados, os regos arados transfórmanse en liñas, os palleiros son triángulos. Sen embargo, as árbores xorden como manchas espontáneas e azarosas que salpican a natureza ordenada e humanizada.
As dúas composicións difiren entre si aínda que o tema central sexa o campo. Na paisaxe con palleiros é máis evidente o interese na estructura formal, no debuxo e na xeometría, mentres na segunda proposta predomina o xesto, a pincelada é máis abosquexada e rápida. As árbores continúan a liña que iniciara en París, manchas desenvoltas que recordan a caligrafía chinesa.
A harmonía cromática imponse mediante o predominio dos tostados, os verdes e os grises. A cor e a pincelada nunca son aleatorias senón precisas e estudiadas, co cal consegue manter o equilibrio sen caer na monotonía, reproducindo con veracidade o sombrío da paisaxe e da atmosfera de Galicia, cun colorido escuro que lle engade máis riqueza e profundidade expresiva.