Comentarios
A presencia dos veleiros é constante na obra do autor, seducido pola beleza do mar e o vibrar da luz.
As seis naves, coas súas brancas velas que brotan do soporte do papel, destacan nunha obra onde domina a cor azul converténdose en baleiros improvisados entre as ondas, loitando por sosterse sobre os azuis do mar e os verdes e amarelos da paisaxe.
Igual que na obra de Monet, Regatas en Argenteuil, Rafael Alonso interésase polo movemento e a palpitación da luz. Estende a cor mediante unha pincelada ampla e xenerosa que discorre e xoga coa superficie do soporte xerando efectos lumínicos, sensación de ondada, desfacendo unha infinita gama de azuis-verdosos que harmonizan e, ó mesmo tempo, se distinguen dos verdes intensos que delimitan a liña do horizonte. O debuxo practicamente non existe, só se intúe o trazo rápido do lapis para situar as embarcacións nunha composición que tende cara á simplificación, que busca contar o máximo cos mínimos recursos.