Maternidad
- INV:
- 2608
- Año de creación:
- 1966
- Dimensiones:
- 79 x 65 x 0
- Técnica:
- Óleo sobre lenzo
Comentarios
A pintura de Antón Rivas busca sempre o lado máis humano, retomando a figura feminina como motivo iconográfico fundamental na súa obra, enlazando, deste xeito, con obras de Maside, Manuel Torres, Colmeiro na súa lectura da muller como metáfora de Galicia.Cinco personaxes compoñen esta escena onde unha nai co seu fillo se converten no centro principal de interese. Os acompañantes sitúanse de pé, rodeando a figura sedente da nai, que parece unha anciá. A figura maternal, sentada cara á dereita, sostén ao seu meniño no colo, pero non establece relación afectiva con el. A carón seu, destaca a imaxe impoñente dunha muller de perfil co pelo cuberto por un pano.
O tema das maternidades foi abordado moitas veces polo autor impoñendo o seu estilo. Adoitan ser imaxes, coma neste caso, de expresión cansa e envellecida, ausentes de toda beleza física, afastándose das tradicionais imaxes maternais.
Os corpos son grandes, monumentais, cun gran desenvolvemento das extremidades, sobre todo os pés. O aspecto é rudo e agresivo; a potencia do debuxo, combinado coa rugosidade matérica e o tenebrismo da cor as convérteas en imaxes case pétreas.
Os tons móvense na gama dos escuros, marróns, ocres, verdes e vermellos, axordados, que recordan a paleta de Manuel Prego. A pincelada enérxica e forte, está, en moitos casos, empastada con espátula, o que xera uns efectos planos na superficie da tea que contrasta coas texturas máis gromosas.
O resultado final é unha obra dura, que transmite tristura. É imposible mostrarse indiferente ante estes seres de miradas melancólicas e desgarradas que semellan a imaxe gráfica dos personaxes de Valle-Inclán.