Comentarios
Mundos construídos e intuídos nacen da man deste autor para o que a natureza forma parte da perfecta harmonía do Universo.
A paisaxe, estructurada en dúas partes delimitadas pola liña do horizonte, ofréceno-la contemplación dun luminoso amencer. A realidade interprétase esquematicamente, mediante unha composición cartesiana que mantén o equilibrio entre natureza e xeometría.
A luz é un elemento primordial na obra, na que se representa a grandeza dun espacio aberto ó tempo que se describe o albor. Mediante un difícil xogo de diagonais contrapostas que se expanden radialmente a partir do centro, o autor determina a profundidade e desprega a luz, concibindo un escenario único, albergue dun momento especial, a xénese do mundo.
A paleta, dominada polas cores frías e planas, dilátase nun perfecto concerto cromático. Os tons adquiren gradacións ópticas e luminosas coas que a obra vibra visualmente e transmite a sensación de atmosfera, soedade e silencio.