Comentarios
As mulleres do mar son, unha vez máis, o tema da obra. O debuxo, vehículo básico de expresión do autor, funciona como medio de investigación con valor por si mesmo e como ensaio previo dos temas que logo pasará ó lenzo.
Alleas ó espectador, as peixeiras conversan no seu mundo persoal e privado, indiferente ó tempo e o contorno.
As formas rotundas das figuras descríbense cun trazo vibrante. A liña, continua e sinuosa, siluetea dobremente a figura para capta-la súa corporeidade mediante un perfilado máis groso e máis fino que, ó combinarse, transmite a sensación de movemento. O fondo animado funciona só como contexto, como escenario, onde as protagonistas representan unha escena inmemorial no tempo e na poética do artista que evoca e versiona miles de veces, coma nun único cadro, as súas impresións e recordos de Galicia, nunha obra íntima e universal á vez.