Comentarios
Sobre dúas follas brancas, montadas e pegadas, o autor propón unha composición concibida a modo de friso, sobre o que sitúan múltiples elementos para conformar unha creación colorista e divertida.
A obra fai referencia ó arco da vella, moi relacionado co mundo da nenez, os contos e as cancións infantís. Realizada mediante unha técnica empregada polos nenos, o collage, a peza presenta imaxes propias da iconografía infantil, onde teñen cabida o arco da vella, paraugas, señores con sombreiro, escadas, letras, nubes ... A combinación de cores limítase ós primarios, vermello, azul e marelo, manténdose en todo momento un discurso equilibrado entre cor, imaxe e baleiro.
O aspecto resultante é dinámico e rico, admitindo certas influencias do Surrealismo e da inxenuidade das creacións de Schwitters, que ideaba as súas obras a partir da selección de diferentes materiais que logo distribuía libremente na superficie do cadro.
EXPOSICIÓNS:
"Sebas Anxo. Temporais". Do 12 de xaneiro ó 20 de febreiro de 2001. Galería Clérigos, Lugo.