Comentarios
Cun debuxo seguro e grandes dotes de observador, reproduce unha escena representativa dun oficio de grande avoengo en Galicia, as palilleiras, que fan encaixes coñecidos co nome de encaixes de Camariñas, aínda que non sexa esta vila o único centro de producción. Segundo Otero Pedrayo este oficio, de procedencia italiana, foi introducido nos séculos XVI ou XVII na comunidade galega. O pintor sitúanos dentro da casa no lugar no que se reunían para palillar as mulleres, que aparecen sentadas no chan cos pés espidos, diante dun dos bancos nos que se apoian as almofadas sobre as que se fai o labor. Cun encadramento fotográfico, achéganos a unha moza que realiza o traballo seguindo o debuxo do encaixe feito nun cartón e picado con alfinetes nos puntos nos que se cruzan os fíos. Outra das mulleres interrompe o labor para atender á que, de costas a nós, cun xesto que parece que sae do cadro, observa o encaixe rematado, levantándoo no aire para ve-la súa calidade, nunha escena aberta ó fondo da paisaxe, afastada de calquera arquetipo, na que a posta en escena do motivo nos lembra a “Las Hilanderas”.