Disparate de carnaval
- INV:
- 2004
- Año de creación:
- 1819 - 1823
- Dimensiones:
- 25 x 36 x 0
- Técnica:
- Augaforte e augatinta
Comentarios
Foron publicados pola Real Academia en 1864. Constitúen unha serie máis curta, de só dezaoito estampas, igualmente gravadas á augaforte e augatinta, con retoques de buril e punta seca. As pranchas orixinais permaneceron gardadas, como as de Los desastres de la guerra, cando Goya emprendeu a súa postrer viaxe a Francia, en 1824. Son tamén de pequenas dimensións, 24'5 x 35 cm. Nestes traballos Goya extrema o seu mundo sombrío e recupera, claro que dramatizado, algún tema xa realizado, como "El Pepele", da serie para os tapices.
Ó substantivo "disparate" engade un adxectivo en cada caso: feminino, de medo, ridículo, volante, furioso, desordenado, xeral, pobre, alegre, de entroido, claro, fúnebre. En poucos casos é outro o título: Bobalicón, Los ensacados, Caballo raptor, Modo de volar, Las exhortaciones, La lealtad.
Aínda que se impón á fin o ambiente dramático, as escenas están cargadas de ironía, de sarcasmo. Di delas Carrete Parrondo que "en parte algunha aconteceron as cousas que Goya conta e, malia isto, en tódalas partes. Desde estas imaxes, coma se fosen unha inversión infernal de normas, virtudes e comportamentos, de figuras e acontecementos, achegámonos á realidade concreta con ollos distintos. Nunca Goya fixo tanto de pintor filósofo, facendo, sen embargo, tanto de pintor".
Porque hai que abandonar definitivamente a afirmación de que Goya foi un palurdo xenial, só moi parcialmente pulido na súa dilatada relación coa Corte, a aristocracia e a intelectualidade do seu tempo. Non foi tampouco un ilustrado, que sería o outro extremo, a oposta cara desa moeda groseira e negativa. Sen embargo, unicamente unha mente cultivada e, por suposto, un talento xenial, observador, reflexivo, creador, pode idear tales mundos críticos e exemplificantes, meta que el mesmo manifestou que se propoñía ó publica-la primeira das series.
Goya gravador é faceta fundamental do grande artista, non secundaria. Nela mostra todo o seu talento e desvela aspectos da súa personalidade que non aparecen en boa parte das súas obras de cabalete.
Dado que Caixavigo editou tres espléndidos catálogos estudiando pormenorizadamente, e por notables especialistas, a obra gráfica de Francisco de Goya, concluímos aquí este achegamento a ela, convencidos, non obstante, de que a incorporación de tales pezas, nada menos que 218 en total, ó seu acervo artístico, sitúa a súa notabilísima colección entre as máis importantes de España, sen esquece-la difusión que de tales datos gravados fixo e segue facendo por numerosas cidades e vilas de Galicia e fóra dela.
A serie de "Los Proverbios" "Disparates" ou "Sueños", nomes cos que se denomina indistintamente, está considerada como unha serie inacabada, pois atopáronse probas de estado e debuxos preparatorios relacionados con ela, polo seu contido, que non chegaron nunca a gravarse.
O exemplar de "Los Proverbios" da colección Caixavigo, co nº de inventario 2004, foi publicado pola Academia en 1930, data que corresponde á 8ª edición emitida pola Calcografía Nacional cunha impresión de grande calidade.
Esta edición da Academia consta de 18 estampas apaisadas, de papel marelo, semigroso, con filigrana "Arches" numeradas do 1 ó 18, encadernadas en papel granate con lombo verde. Unha portada precede ós gravados, nela figura o título "Los Proverbios" e un texto "colección de diez y ocho láminas inventadas y grabadas al agua fuerte por Dn. Francisco de Goya. Publicouna a Real Academia de San Fernando. Madrid 1930" complétase cun selo estampado con tinta no que se le "Tirada de cien ejemplares". "Exemplar nº 5 ano de 1930" leva tamén o escudo de España e o da Academia.
Ningunha das 18 láminas está datada e só están firmadas as que levan os números 1; 4; 6; 7; e 10. O título co que se coñece a cada estampa é o que aquí presentamos que é o que publicou a Academia baseándose nos debuxos preparatorios e probas de estado que deixara Goya listas para a estampación. Así mesmo, a orde que ten a serie é tamén a presentada pola Academia desde a súa primeira edición e que se expón a continuación. As láminas soltáronse e separáronse unha por unha, en 1998, para darse a coñecer publicamente no Centro Cultural Caixavigo, nunha exposición que presentou o profesor da Universidade de Santiago de Compostela José Manuel B. López Vázquez, autor dun profundo e minucioso estudio sobre "Los Proverbios" recollido nun libro que publicou Caixavigo por esas mesmas datas, con tódalas obras reproducidas e comentadas individualmente.
Exposiciones
“Los grabados de Goya en la Colección Caixanova” Museo de Arte de Sao Paulo, Brasil. Do 18 de marzo ao 3 de xuño de 2007. “Goya gravurista na Coleçao Caixanova” Museo de Arte Río Grande do Sul. Porto Alegre, Brasil. Do 14 de xuño ao 5 de agosto de 2007. “Goya en la Colección Caixanova” Freedom Tower. Miami, EE.UU. Do 20 de setembro ao 9 de novembro de 2007.