Comentarios
Imposible se facía para este autor desprenderse da pintura, porque o humor é o xeito máis difícil de facer arte e quizais por eso elabore unha poética leda e tenra.
A obra presenta a vista panorámica dunha pequena aldea que parece describir unha traxectoria ascendente marcada polas casiñas que se van xuntando e amoreando dun xeito caótico e asfixiante ata chegar ó cume.
A xeometría está presente na composición con tellados de formas triangulares e cadradas resaltados polas duras liñas negras que perfilan os contornos dun debuxo arestado e anguloso.
Esteticamente a tea é inxenuista. O predominio das cores azul e vermella confiren calidez a unha obra vixiada por un gran sol amarelo cun reflexo que baña os tellados. A materia é xenerosa e as manchas provocadas pola pincelada solta rompen a uniformidade da cor creando combinacións entre os rosas, os vermellos, os marelos e os brancos, demostrando que a luz modifica a realidade das cousas.
Calquera vila mariñeira podería saberse retratada no amontoamento das casas, pero non se podería atopar mellor escenario para recrea-los "Contos" de Hans Cristian Andersen.
EXPOSICIÓNS:
"Fernando Quesada. Antológica". Xuño de 1995. Sala de Exposicións da Aula de Cultura de Caixaourense, Ourense