No Faetón de Rianxo a Santiago
Comentarios
En 1908, ano de realización da obra, Castelao estaba aínda estudiando en Santiago, co que as teas representan unha das súas primeiras obras de importancia pintadas ao óleo, revelando a paixón que sentía pola pintura.
Inspirada, con toda seguridade, nas súas experiencia persoais, nos seus traslados de Rianxo a Santiago, o autor retratou ironicamente e sen pudor os pasaxeiros cos que compartiu travesía.
Dez personaxes dispóñense a realizar unha viaxe en faetón. Viaxan sentados fronte a fronte, acomodándose en cada banco cinco persoas, que representan a diferentes tipos sociais. Os personaxes están dispostos para seren observados polo espectador, colocados coma nun friso en dúas obras paralelas en tema e composición, concibidos para ser entendidos como un só.
O grupo de artistas ou de titiriteiros está representado dun modo caricaturesco. A figura central é un rapaz-moneco, que organiza a obra dividíndoa en dous grupos. Cara á esquerda, as figuras pintorescas, case grotescas dos actores identificados nunha muller moi pintada e tocada con sombreiro e o seu acompañante, un mozo vestido á moda, con gorra e monóculo. O aspecto esperpéntico do mozo e do neno evocan a figura dun ventrílocuo co seu moneco.
Cara á dereita, dispóñense dúas figuras masculinas, un home delgado e esquivo, co rostro de perfil e gorra militar acompañado doutro, groso e bebedor, que dorme cun cigarro na boca e deixa esvarar indolentemente a súa boina.
Noutro banco, cinco viaxeiros miran ao grupo de actores sen decatarse de que eles tamén son observados. Neste caso, representan a tres estamentos sociais típicos dun pobo, a igrexa, o campesiñado e a burguesía.
No centro a figura do cura, moi groso e fumando un puro, actúa como elemento estructurador da composición. Está acompañado á súa dereita por un señorito-petimetre e a nai deste, luxosamente vestida, e á esquerda, por unha parella de campesiños. O vello, toucado cun sombreiro, é o único de tódos os personaxes que amosa un xesto de retranca e intelixencia.
As figuras dispoñénse sobre un fondo frío, o que consegue destacar o negro das vestiduras e definir as figuras con detalle, trazando as formas e as fisonomías con rotundidade. O tratamento da cor é realista aumentando a forza expresiva dos rasgos dos personaxes nun desexo de verismo, de caracterización que, como sinala Mª. Luisa Sobrino, casi chega ao feísmo.
Castelao ofrécenos unha instantánea fotográfica, unha visión retranqueira duns personaxes onde, para Mª. Victoria Carballo-Calero, é evidente a influencia de Daumier, sen esquecer a fina ironía e o agudo sentido crítico do autor.
Exposiciones
"A Galicia Moderna".Centro Galego de Arte Contemporánea. Santiago de Compostela. Do 17 de decembro de 2004 a marzo de 2005. Círculo de Bellas Artes. Madrid. Do 14 de abril ao 22 de maio de 2005.
"Castelao. 1886-1950". Do 3 de marzo ao 13 de abril de 1986. Real Jardín Botánico. Madrid.
"Castelao. Exposición del 50 aniversario". Do 28 de xuño ao 3 de setembro de 2000. Museo de Pontevedra, Pontevedra.
"Castelao. Exposición del 50 aniversario". Do 15 de outubro de 2000 ao 7 de xaneiro de 2001. Santo Domingo de Bonaval, Santiago de Compostela.
Reproducciones
"Castelao. 1886-1950". Ministerio de Cultura, Madrid, 1986, páx. 164.
Carballo-Calero Ramos, Mª. V.; "Os castelaos de Ourense". Caixaourense, A Coruña, 1989, páxs. 54-55, 56-57.
"Castelao. Exposición del 50 aniversario". Fundación Castelao, Caixagalicia, Museo de Pontevedra. A Coruña, 2000, páxs. 150-151.