Comentarios
O mundo do circo, que tanto atraeu ós artistas de Montmatre desde Seurat ata Picasso, é tratado por X. L. de Dios nunha serie de obras que o artista dedica a este tema. Escolle aquí o mundo dos arlequíns polas posibilidades plásticas que este personaxe da comedia da arte ofrece. Sitúa as figuras nun espacio, determinado pola cortina e a sinuosa curva da pista do circo, dividido verticalmente polo bastón do arlequín. E comeza a pantomima; Arlequín, namorado, achégase á figura feminina, tumbada semiespida sobre o bordo do cadro, mentres o mozo arlequín, cun harmonioso movemento, estende o brazo cunha pequena pirámide na man. Creador de exquisita sensibilidade, logra un conxunto de gran riqueza plástica, no que dominan grises e vermellos salpicados de marelos, rosas e azuis.