• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

TITO VÁZQUEZ

Vázquez Sánchez, Mariano

( Hellín, Albacete, 1870 - Santiago de Compostela, 1952 )

Biografía

Comeza a súa formación artística na Escola de Artes e Oficios de Murcia co apoio do concello da súa cidade de orixe, e uns anos máis tarde trasládase a Valencia para estudar na Escola de Belas Artes de San Carlos. Nesta cidade é alumno de Ignacio Pinazo, a quen considera como o seu mentor e único mestre. Obtén unha bolsa da Deputación Provincial de Murcia que lle permite proseguir os estudos na Escola Superior de Belas Artes de Madrid. Cando os remata, alístase no exército para atopar unha fonte estable de ingresos, actividade que combina coa de copista dos grandes mestres do Prado. A finais de 1899 trasládase co seu rexemento a Santiago de Compostela, e casa en 1901. En 1909 viaxa a América coa intención de instalarse de maneira definitiva (Nova York é a cidade que máis lle interesa), algo que non será posible por mor dunha serie de problemas de saúde. A partir deste momento, será fundamental o seu labor docente e difusor da arte en Santiago. Como docente, exerce como profesor de Pintura da Real Sociedade de Amigos do País (1919-1938), como profesor auxiliar da Escola de Artes e Oficios (1927-1936), e como profesor de Debuxo no Instituto de Segunda Ensinanza Diego Xelmírez de Santiago; profesións que compaxinou coas clases no seu estudio privado, onde se formaron dúas xeracións de creadores composteláns como Roberto González del Blanco ou Juan Luis López, entre moitos outros. Dentro do seu labor difusor, destaca o seu papel no comité executivo da Exposición de Arte Galega en 1926 e na comisión organizadora da Sociedade Galega de Amigos da Arte. Non será asiduo dos certames artísticos, pois só concorrerá ás Exposicións de Arte Galega da Coruña (1923), Santiago (1926) e Madrid (1928). Considerado galego de adopción, a súa obra está representada en diversos museos galegos e institucións.

A nivel estilístico pódese clasificar como un pintor decimonónico, naturalista. Observador minucioso da natureza, na súas pezas apréciase a pegada dos propios sentimentos froito da influencia do seu mestre Ignacio Pinazo. Os xéneros que aborda son propios do realismo do XIX: o retrato —que xunto co autorretrato será a súa grande especialidade—, a representación de tipos, escenas de costumes, naturezas mortas, cadros relixiosos e paisaxes. A súa obra caracterízase polo dominio da luz, da cor (cunha paleta sobria), e do debuxo. Dentro dun estilo naturalista —cunha gran base académica, así como ecléctica—, evoluciona desde un naturalismo preimpresionista —moi en relación co seu mestre, cara a unha pintura influenciada por mestres como El Greco ou Velázquez, e, finalmente, Rembrandt.

No cadro Retrato de dama compostelana (1916) da Colección Afundación, aborda o seu xénero predilecto. Nesta peza apréciase a súa calidade como debuxante e pintor para retratar un tipo de muller sofisticada da burguesía compostelá, elegantemente ataviada e peiteada. A dama destaca sobre un fondo neutro e amósase de medio corpo en tres cuartos cunha expresión apracible que parece querer buscar a complicidade da nosa mirada. A pincelada é suave e refinada, cun cromatismo principalmente sereno no que resaltan os acentos de luz no rostro, a tea e as xoias.

Bibliografía

-          López Vázquez, J. M.: Tito Vázquez. Artistas galegos. Pintores. O rexionalismo. I. Vigo Nova Galicia edic, 1997.

-          Aguieira Cerni, V.: I. Pinazo. Valencia, 1982.

-          López Hidalgo, M. J.: Tito Vázquez, pintor. Tese inédita. Santiago, 1974.

-          Pantorba Bernardino de: Historia das exposicións nacionais de belas artes. Madrid, 1980.

-          Pablos, Francisco: Plástica galega. Vigo. Caixanova, 1981.

-          Pablos, Francisco: Colección da Arte Galega Museo Quiñones de León. Vigo, Concello, 1995.

Obra

  • Retrato de dama compostelana

    Retrato de dama compostelana 1916

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78