• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

JOSÉ SUÁREZ

Suárez Fernández, José

( Allariz, Ourense, 1902 - A Guarda, Pontevedra, enero de 1974 )

Biografía

O máis internacional dos fotógrafos galegos, pola trascendencia da súa ampla obra e, tamén, pola súa obrigada vida nómada de exiliado, tras militar activamente no bando republicano que perdeu a guerra civil. Naceu en Allariz, Ourense, en 1902, no seo dunha familia acomodada que fará universitarios ós seus fillos, varios dos cales teñen temperamento artístico, e entre os que destacará tamén Marcial, novelista e dramaturgo, en español e en galego. Estudia a carreira de Dereito en Salamanca, onde será un militante activo da FUE e amigo de Unamuno, a quen retratará numerosas veces en imaxes que percorreron o mundo. Os seus primeiros traballos publicados aparecen na revista "Vida gallega" en 1921. En 1932 aparece o seu libro sobre Salamanca, prologado polo ilustre vasco rector daquela universidade. Instálase en Madrid, para traballar coa empresa cinematográfica Cifesa. Fai amizade con intelectuais republicanos e publica traballos en diversas revistas. En 1936 inicia a súa película sobre os maniñeiros galegos, que non conclúe, xa que ten que exiliarse na Arxentina. Alí remátaa. Gaña diversos premios e prosegue as súas publicacións en medios bonaerenses. As súas exposicións sucédense en diversas cidades de Suramérica, onde publica libros como "Nieve en la cordillera", que data de 1942. En 1953 viaxa a Xapón, como corresponsal do diario "La Prensa", da capital arxentina, e neste país oriental permanece dous anos, facendo traballos que percorrerán o mundo como carteis turísticos. Publica fotos nas famosas revistas norteamericanas "Life" e "US Camera". En 1959 retorna a España e reencóntrase con vellos amigos e correlixionarios en diversas cidades, entre eles José Núñez, fotógrafo de Salamanca, tamén multipremiado. Prosegue o seu traballo en "La Prensa", con series famosas como as dedicadas a Virginia Wolf, Kurosava, a acrópole de Atenas, etc. Percorre A Mancha e publica o libro "The life and dead of the fighting bull". A sala de arte de Caixavigo acolle a súa exposición "Mariñeiros" en 1967, un acontecemento que percorrerá Ourense e outras cidades galegas. Reside en Vigo algún tempo, cargado de recordos e amarguras da guerra, nun talante incapaz de supera-las súas consecuencias. Trasládase a Ourense, onde se relaciona con intelectuais e artistas. Traxicamente, pon fin a súa vida na Guarda ó iniciarse no ano 1974, en soidade angustiada, como viviu os seus últimos anos. Postumamente é obxecto de exposicións e homenaxes. Edicións Xerais publica o seu libro "Terra, mar e xentes". O Concello de Vigo fai unha antoloxía da súa obra, ó coidado de Manuel Sendón e Xosé Luis Suárez Canal, o seu sobriño e estudioso, que tamén editarán o primoroso álbum da serie do Centro de estudios fotográficos de Vigo, en 1993. Suárez é un intelectual, de fondas preocupacións sociais, que utiliza a cámara como vehículo de expresión, de testemuño e denuncia, sempre desde unha estética espida, precisa, na que o documental é trascendido pola beleza. Unha Galicia desaparecida de xentes, traballos, romarías, tipos, ambientes... perdurará pola sensibilidade deste artista razonante, esixente, inconformista, radical, pioneiro de modos despois estendidos por medio mundo. Testemuña Galicia, Arxentina, si, pero trátase de viaxes en torno ó seu propio cerebro, cun condicionamento político, irrenunciable, que é desbordado á fin pola súa sensibilidade, dun lirismo escueto e emocionante. Ninguén viu o mundo mariñeiro de Galicia como soubo velo el, sen retórica, directo, como acaece coa Mancha e a festa taurina, que desfolcloriza de maxeza e pintoresquismo para que sexa fonda e dramátrica realidade. Para o mundo, Miguel de Unamuno é como o viu Suárez, íntimo, introvertido, nada maiestático. El soubo facer trascendente o cotián, elevando a perdurable o meramente anecdótico e circunstancial.

Bibliografía

"Salamanca". Álbum. Salamanca, 1932. "Nieve en la cordillera". Bos Aires, 1942. "Vislumbre del Japón". Bos Aires, 1957. "The life and dead of the fighting bull". London, 1966. "Terra, mar e xentes". Vigo. Edicións Xerais, 1981. "José Suárez. 1902-1974". Vigo. Concello, 1988. "José Suárez. Álbum". Vigo. Centro de estudios fotográficos, 1993. Sendón, Manuel. Imaxes na penunbra. A fotografía afeccionada en Galicia (1950-1965). Vigo. Edicións Xerais, 1998. III Fotobienal. Vigo. Concello, 1988.

Obra

  • Sin título. De la serie

    Sin título. De la serie "Mariñeiros" 1936

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78