ENRIC SERRA AUQUÉ
Serra Auqué, Enrique
( Barcelona, 7 de enero de 1859 - Roma, 16 de febrero de 1918 )
Biografía
De orixe moi modesta, grazas á axuda do tallista Talarm puido ingresar na Escola de Artes e Oficios da súa cidade condal, onde foi discípulo de Martí Alsina.
Destaca moi pronto como debuxante e a gran revista La Ilustración Española y Americana publica os seus traballos. Participou en 1876 no concurso auspiciado pola Deputación provincial e vende a bo prezo a súa primeira obra. Consegue unha bolsa para estudar en Roma, a onde se traslada aos 19 anos e onde permaneceu boa parte da súa vida, salvo un novo período en Barcelona, á que tivo que regresar por contraer a malaria nas lagoas pontinas, onde pintou moito ao aire libre e de onde proceden as súas mellores paisaxes.
Expuxo na prestixiosa Sala Parés, de Barcelona, obras en que acusa a influencia de Mariano Fortuny, Ramón Tusquets e José Villegas. Asiste en Roma á Academia Chigi. Realiza cadros de xénero, que lle dan considerable fama, e un paisaxismo moi persnal, de factura exquisita, debuxa moi ben e coñece o oficio de pintor ata límites insospeitables.
En 1895, participou na Exposición Nacional de Belas Artes, na que obtivo a terceira medalla. Expuxo en Berlín, Londres, Suíza, Austria e Francia. En París, instalou o seu estudio en 1895. En 1917, as Galerías Layetanas de Barcelona organizan a primeira exposición conmemorativa do artista. Antes de cumprir os sesenta anos, faleceu na cidade eterna, na que residira gran parte da súa vida.
Enrique Serra é un pintor realista, absolutamente identificado coa súa época, a segunda metade do século XIX e primeiros anos do XX. Anecdótico, basea o seu traballo nas súas condicións de debuxante e no seu dominio da cociña pictórica. É testemuñal, fiel, exacto e ata documental, pero non exento de emoción, pois á fin e ao cabo hai nos seus oficios un artista moi dotado. Todo canto representa é táctil, preciso. Nalgúns casos, chega ao escenográfico, actitude moi propia do seu tempo.
Acaso o mellor da súa obra é, precisamente, o paisaxismo das lagoas pontinas, que chegou a ser tópico nel pola reiteración con que o abordou. A calidade da vexetación, das augas, das celaxes, dos fragmentos escultóricos como abandonados, é sinxelamente enfermiza, total. A mancha non acusa dubitación ningunha, nin precipitación imaxinable. Todo é meticuloso, xusto, case fotográfico. Pero, á fin e ao cabo, o neorrealismo actual ten moito que ver con ese concepto da pintura, ao que Serra se anticipou, e con mestría despois non igualada.
Todo vangardismo estivo alleo á súa pintura. El foi un notario do seu tempo, dos seus temas, das xentes que viu.
Bibliografía
DICCIONARIO de pintores y escultores españoles del siglo XX, vol. XIII, Forum Artis, Madrid, 1994.
GARRUT, J. M.: Dos siglos de pintura catalana (XIX – XX), Ibérico Europea de Ediciones, 1974, Madrid.
GONZÁLEZ, C. e MARTÍ, M.: Pintores españoles en París, Tusquets Edit., Barcelona, 1989.
GONZÁLEZ, C. e MARTÍ, M.: Pintores españoles en Roma (1850- 1900), Tusquets Edit., Barcelona, 1987.
MARAGALL, J. A.: Historia de la Sala Parés, Edit. Selecta, Barcelona, 1975.
PANCORBA, B.: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes celebradas en España, Jesús Ramón García Rama, Madrid, 1980.