CARMEN SENANDE
Senande Pazos, Carmen
( Muros, A Coruña, 1961 )
Biografía
Comeza os seus estudos artísticos na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Mestre Mateo de Santiago de Compostela, e posteriormente cursa a carreira de Belas Artes na Facultade de Salamanca, onde obtén a licenciatura en 1988. Inicia a súa actividade expositiva de maneira individual en 1981 na sala do Ministerio de Cultura de Santiago, e un ano máis tarde expón de novo en Ourense. É na década dos noventa cando realiza un maior número de exposicións, tanto individuais coma colectivas, sobre todo en Santiago de Compostela e na Coruña. É seleccionada para representar a Santiago como Capital Cultural no proxecto Affiche-Avignon, para participar nos obradoiros de Unión Fenosa xunto a Rafael Canogar, Lucio Muñoz e José Hernández, así como en diversos certames colectivos. Destacan as súas pinturas murais, a maioría realizadas na Coruña, onde tamén levou a cabo numerosos proxectos de deseño ornamentais/escultóricos en instalacións públicas. Así mesmo, desenvolve a súa faceta de ilustradora, como no libro Termodonte e outros contos de Begoña Martín Acero. Na actualidade exerce como docente de Debuxo en institutos de ensinanza media. A súa obra forma parte de destacadas coleccións como a Colección de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, Colección de Arte Joan e Pilar Miró, Deputación da Coruña, Museo Provincial de Lugo, Museo Barco de Valdeorras ou a do Congreso dos Deputados de Madrid.
Carmen Senande é unha artista plástica que traballa principalmente a pintura, a ilustración e a escultura. A súa pintura, de raíz informalista, revela a súa preocupación pola materia, cunhas texturas moi persoais nunha paleta case neutra. Xoga coa xeometría e coas formas vexetais con precisos agromados e craquelados. Na actualidade a súa produción está centrada sobre todo na escultura.
Na Colección Afundación achamos unha peza da artista muradá. A matérica obra forma parte da serie Enreixados e está datada en 1997. Trátase dunha composición estruturada nunha serie de franxas horizontais, que simulan unha parede e un chan —a parede presenta un enreixado branco e gris, e un rodapés— sobre os que se sobrepón, engadida á superficie da obra, unha forma rectangular que simula un cadro abstracto —traballa o concepto do cadro dentro do cadro—, con múltiples matices, marcas e pegadas que evidencian o transcurso do tempo e que non responden a patróns xeométricos. As tonalidades verdes dominan a orixinal composición.
Bibliografía
ARTISTAS muradáns, Deputación da Coruña, A Coruña, 2008.
V MOSTRA Unión Fenosa, , MACUF, A Coruña, 1997.