SEGURA TORRELLA
Segura Torrella, Ricardo
( Ferrol, 2 de octubre de 1927 - 2000 )
Biografía
Nado no seo dunha familia relacionada co mar, a súa primeira adolescencia verase marcada pola guerra civil española. O seu pai será unha peza clave na súa vocación artística. Empeza a formarse na disciplina de debuxo na Escola de Artes e Oficios da súa cidade natal e, desde finais dos anos corenta ata 1952, acode en calidade de discípulo ao estudio do pintor ferrolán Felipe Bello Piñeiro. Con tan só quince anos participa na súa primeira exposición, o IV Salón de Outono do Círculo Mercantil e Industrial de Ferrol, xunto con artistas consagrados como Sotomayor, Bello Piñeiro ou Valentín Castro. A súa primeira mostra individual ten lugar no casino de Ferrol cando conta con vinte e dous anos de idade. En 1952 realiza a primeira exposición individual en Madrid, e é loado por Camilo José Cela. Reside unha temporada na capital española, onde pinta no Círculo de Belas Artes, establece amizade con Fernando Álvarez de Sotomayor e Daniel Vázquez Díaz, os seus mestres, visita asiduamente o Museo do Prado e frecuenta o Gran Café Suizo, lugar de reunión de intelectuais. Vai exercer a docencia particular case toda a vida, e en 1962 comeza o seu traballo como debuxante no Concello de Ferrol, profesión que manterá ata a xubilación en 1992. A morte do seu pai en 1956 coincide co desenvolvemento da súa carreira artística, en territorio galego e fóra del, realizará exposicións nas principais cidades de España —aínda que é no seu Ferrol natal onde se concentra o maior número de mostras—, Vila do Conde (Portugal) e Londres. Foi o fundador do Museo Bello Piñeiro de Ferrol, onde figura boa parte da súa obra, que tamén forma parte de destacadas coleccións de museos e institucións, principalmente galegas.
Silencioso e celoso da súa intimidade, a ironía e un sutil sentido do humor tamén son característicos dun artista que cultivou principalmente o óleo e o debuxo, xeralmente en formato grande, aínda que tamén experimentou co gravado, o mural, a escenografía e a ilustración. As súas temáticas predilectas son o retrato, a paisaxe, o bodegón e a muller. Nas súas primeiras obras apréciase o influxo do seu mestre, o paisaxista realista Bello Piñeiro, e xa en Madrid, déixase influenciar polo academicismo de Sotomayor e o cubismo de Vázquez Díaz, tamén mestres do autor ferrolán, para moi pronto configurar un estilo persoal próximo ao expresionismo, lírico, e baseado nun debuxo sobresaliente e un trazo ancho, enérxico e denso de exultante colorido. A súa visión axigantada, que todo o resalta e torna ciclópeo, zumega unha impoñente forza.
Na Colección Afundación figuran tres óleos do artista, dous dos anos setenta e un dos noventa, nos que o mar é o seu nexo de unión. Na obra máis temperá, Vivencias (1977), evoca entrañables recordos cos seus característicos personaxes vividos. O xénero da paisaxe aparece na lírica vista Tejados de Barquero (1979), fermosa aldea mariñeira galega, de tellados en azuis e morados, que se desenvolve nunha aba de maneira ordenada e escalada. Dúas bucinas e unhas flores figuran no bodegón Caracolas (1994), que se impón monumental, coma se o visemos cunha lente de aumento, pintado coa enerxía propia do artista.
Bibliografía
-Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia.
A Coruña, Caixa Galicia, 1987.
-Chamoso Lamas, Manuel: "Arte", en Galicia.
Barcelona, edit. Noguer, 1976.
-Pablos, Francisco: Plástica Gallega.
Vigo, Caixavigo, 1981.
-Pablos, Francisco: Segura Torrella. Exposición Antológica.
Vigo, Caixavigo, 1990.
-Mosquera Rodriguez, Andres: Ferrol, su historia y sus gentes.
A Coruña, Caixa Galicia, 1985.
-F. Pablos "O secundario elevado ó protagonismo" na presentación do catálogo da exposición "Bodegóns e Floreiros", reproducido co núm. 19.