• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

MERCEDES RUIBAL

Ruibal Argibay, Mercedes

( Xeve, Pontevedra, 1928 - Madrid, 10 de abril de 2003 )

Biografía

Membro dunha familia de grandes inquietudes artísticas: o seu pai era un apaixonado da música e mais a literatura, a nai unha pintora naíf, o seu irmán José dramaturgo e a irmá Ángeles cantante. A súa infancia e a adolescencia transcorren en Xeve ata que, por mor da guerra civil, emigra a Arxentina. Iníciase na pintura en Bos Aires con Laxeiro como amigo, mentor e mestre. Alí realiza a primeira individual na sala Rose Marie en 1956. Regresa a Galicia en 1957 e, tras realizar unha serie de exposicións en Vigo, trasládase a Madrid onde traballa como deseñadora de cerámica, visita repetidamente O Prado, e establece unha relación cos artistas dos faladoiros do Café Gijón. En 1959 casa co arquitecto e pintor Agustín Pérez Bellas. Vivirán principalmente en Vigo, aínda que conservarán a vivenda en Madrid. Percorren medio mundo e residen en Roma, onde establecen amizade con Alberti —que lle dedica poemas e escribe sobre a súa pintura— e realiza exposicións de notable éxito. En Vigo frecuenta a Taberna de Eligio, onde se relaciona con Lugrís, Laxeiro ou Lodeiro. A intensa vitalidade lévaa a pintar, escribir e viaxar. A súa peculiar personalidade aparece reflectida no seu texto Confesiones de volatinera con bragas de repuesto al dorso (1978) ilustrado por Pérez Bellas. Amosou a súa obra en destacadas cidades galegas, así como en Madrid, Bos Aires, Roma, Florencia, Lisboa, París ou Londres, e foi galardoada co segundo premio Kramer na Bienal Hispanoamericana de Arte de 1964, Premio Reconquista e nomeada viguesa distinguida en 1992. A súa pintura figura en coleccións como a do Museo Provincial de Pontevedra, Museo Carlos Maside na Coruña, Museo Municipal de Vigo Quiñones de León, Museo de Arte Contemporánea de Chile, Museo de Arte Contemporánea de Nicaragua, e en coleccións privadas.

A súa pintura caracterízase por un expresionismo moi persoal, irónico, e crítico onde a influencia primitiva e do románico se evidencia nos rostros anenados dos seus personaxes. Discípula de Laxeiro, atopa outros dos seus referentes en Rouault e no Goya das pinturas negras. As súas composicións acostuman situarse en espazos imprecisos onde plasma os seus personaxes a través dun esquemático debuxo, unha pincelada curta e un colorido no que predominan o negro, o carmín e o azul. Fiel á súa época e mais ás súas conviccións políticas, a denuncia e a crítica social fan acto de presenza na súa produción.

Na Colección Afundación figuran cinco obras. A máis temperá, Figuras (1980), un gravado —técnica menos frecuente nesta autora— no que se aprecian as súas características figuras femininas e expresivas caras de ollos riscados e fazulas remarcadas, xunto con motivos vexetais. En Mujer (1981), unha figura feminina con ornamentos vexetais na cabeza e flores na man (forman parte da súa iconografía máis habitual) parece elevarse nun sombrío espazo —propio das súas composicións— cunha luz ao fondo. O virtuosismo e a beleza decorativa definen Hermanas e Danza, de 1990, de novo sobre un fondo escuro resaltan baixo unha perspectiva frontal os corpos de dúas nenas cheos de puntos de variadas cores e flores como adorno. En Bosnia I (1993) reflexiona sobre os horrores da guerra, as figuras esquematízanse e vólvense case grafismos nos que se adiviñan rostros con miradas profundas e bocas semiabertas nunha abarrocada composición de cores exultantes (que roza a abstracción completa).

Bibliografía

II BIENAL de artistas gallegas, Alecrín, Concello de Vigo,cVigo, 1990.

CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del Arte Español contemporáneo, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.

CHAMOSO LAMAS, M.: "Arte", en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.

GAYA NUÑO, J. A.: La pintura española del siglo XX, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1970.

MON, F.: Pintura contemporánea en Galicia, Caixa Galicia, A Coruña, 1987.

PABLOS, F.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.

VV. AA.: Mercedes Ruibal, Concello de Vigo, Vigo, 1993.

Obra

  • Bosnia I

    Bosnia I 1993

  • Mujer

    Mujer 1981

  • Danza

    Danza 1990

  • Figuras

    Figuras 1980

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2025© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78