ROSALES
Rosales Gallina, Eduardo
( Madrid, 4 de noviembre de 1836 - 13 de noviembre de 1873 )
Biografía
Nacido no seo dunha humilde familia, a súa infancia está marcada pola tristeza e a austeridade, e a súa adolescencia pola prematura morte dos seus pais, de modo que se traslada a vivir cos seus tíos. Fórmase na Academia de Bellas Artes de San Fernando, onde ten como mestre a Federico Madrazo. Desde 1856 padece tuberculose, enfermidade que condiciona a súa vida. Os seus inicios profesionais son complexos, e en 1857, grazas ao apoio recibido de amigos e compañeiros próximos e ao diñeiro obtido co seu primeiro encargo de retrato relevante, emprende unha viaxe a Italia, onde desenvolverá gran parte da súa traxectoria artística. Visita Bordeos e Nimes, conmóvenlle as pinturas de temática histórica de Léon Cogniet e Paul Delaroche, e xa en Roma, atráenlle especialmente os grandes artistas renacentistas. Finalmente obtén unha pensión do Gobierno en 1860 que lle permite completar a súa formación e realizar as súas primeiras obras de importancia, a primeira Tobías y el ángel. Obtén unha mención honorífica na Exposición Nacional de Bellas Artes 1862, e a primeira medalla na de 1864 coa considerada a súa gran obra mestra Doña Isabel la Católica ditando su testamento, que tamén é premiada coa primeira medalla de ouro na Exposición Universal de París de 1867 ─xa visitara a capital gala dous anos antes─, e concédeselle así mesmo a Lexión de Honra. Esta etapa desenvólvea fundamentalmente na capital italiana, onde leva a cabo un intenso traballo, e en 1868 regresa a España ao contraer matrimonio coa súa prima Maximina Martínez de Pedrosa. Pasa tempadas en Panticosa e Murcia debido á súa enfermidade, e concorre á Nacional de 1871, na que obtén a primeira medalla con Muerte de Lucrecia, obra polémica pola súa modernidade incomprendida. A relevancia alcanzada polo pintor madrileño no panorama artístico da época queda constatada cando se lle ofrece o posto de dirección da recentemente creada Academia de Bellas Artes de Roma en 1873, ano da súa prematura morte. Un nutrido grupo de significativas obras da súa autoría integran a colección do Museo Nacional del Prado.
Figura crucial da pintura española do século XIX, evoluciona desde un purismo inicial nazareno, cunha gran influencia de San Fernando e dos círculos puristas nazarenos en Roma, para evolucionar cara a un estilo renovador máis persoal e realista de acento romántico, monumental e a un tempo sintético, cunha factura de maior soltura, no que se advirte o gran peso de Velázquez e a asimilación persoal da pintura de grandes figuras do academicismo italiano e francés da súa época. Excelente debuxante e pintor colorista, na súa obra reflíctese o seu carácter pasional e ao mesmo tempo intimista, así como unha natural elegancia. A temática pola que será máis coñecido será a pintura de historia, de gran formato, coa que logra os seus grandes éxitos nas exposicións nacionais e internacionais; aínda que tamén realiza numerosos retratos familiares, de tipos populares e oficiais, espidos femininos, escenas relixiosas, paisaxes ao aire libre ─na súa última etapa vital─ e pinturas murais que quedan inacabadas.
Retrato de Pi y Margall da Colección Afundación responde as características que presentan os seus retratos oficiais; nos que logra plasmar o carácter do representado, neste caso o soado personaxe de orixe catalá, ao que mostra de busto e en tres cuartos, con viveza e intimismo, mediante unha poética realista definida pola sinxeleza e na que se pode adiviñar un dominio total do debuxo, a luz e a cor.
Bibliografía
AGUILERA, E. M.: Eduardo Rosales. Su vida, su obra y su arte, Iberia, Barcelona, 1947.
CALVO SERRALLER, F.: Pintores españoles entre dos fines de siglo (1880-1990). De Eduardo Rosales a Miquel Barceló, Alianza Editorial, Madrid, 1990.
REVILLA UCEDA, M.: Eduardo Rosales en la pintura española, Edarcón, Madrid, 1982.