BAIXERAS
Rodríguez Baixeras, Rafael
( Pobra do Caramiñal, A Coruña, 1947 - Segovia, 1989 )
Biografía
Rafael Baixeras iniciouse no ámbito artístico durante a súa etapa escolar, xa que despois de trasladarse aos nove anos a Segovia, comezou a asistir a clases de pintura e de música. Durante os anos 60 chegou a formar co seu irmán Antonio o grupo Lindo’s Blues.
Abandonou a carreira de Arquitectura para continuar a súa formación en Belas Artes en Madrid, cidade na que se vincularía aos círculos artísticos. A súa amizade con diversos pintores facilitaralle viaxar por Europa nos anos 70 e compaxinará a súa participación en exposicións a nivel español e internacional, como a Bienal de São Paulo de 1977 ou a Bienal de París de 1980. Xunto a Fernando Sánchez Calderón, Mon Montoya e Cruz-Hernández formaría o grupo artístico Seis e catro, a través do cal abordaron unha intensa produción artística.
Os anos 80 supuxeron para Baixeras un período de conexión coa súa Galicia natal. Así participou en mostras individuais e colectivas e compartiu preceptos co grupo Atlántica. Foi impulsor da renovación da plástica en Galicia e da súa vinculación estilística con correntes contemporáneas a nivel internacional. A súa carreira veríase truncada en 1989 debido ao seu temperán falecemento.
Interesado desde os seus inicios polo expresionismo e polo surrealismo, Baixeras é definido polos especialistas como posuidor dun estilo abstracto conceptual.
A súa traxectoria artística comeza nos anos 60 cando decide que non será arquitecto e empeza a realizar paisaxes de Castela e bodegóns buscando unha linguaxe pictórica propia. Paulatinamente, introduce nas súas obras atmosferas e seres irreais, moitas veces monstros que inzarían a súa produción na primeira metade da década dos 70 para evolucionar a finais deste decenio cara a un repertorio de imaxes plasmadas no soporte tal e como procedían da súa mente, internándose nun proceso de intelectualización do proceso creativo.
Será a cor que comeza a traballar durante os anos 80 a que acabe por definir a súa particular linguaxe plástica. Na obra Niño de escuma, pertencente a esta colección, as pinceladas cárganse de materia para cubrir a superficie de grises e brancos entre os que sobresaen intensos e vivos vermellos, verdes ou azuis. Así creará unha paisaxe expresionista. A obra pertence á serie Niños de escuma, datada entre 1981 e 1982, a través da cal o autor reclama o poder comunicativo da pintura e decántase polo expresionismo abstracto.
Nos últimos anos da súa carreira abandona progresivamente a cor, aínda que segue centrándose na temática da paisaxe, cunha natureza inabarcable, que considera reveladora na súa traxectoria, para centrarse na importancia que lle outorga á materia, cada vez máis densa.
Bibliografía
BONET, J. M.: Siglo XX. El Arte de postguerra, Edit. El Viso, Madrid, 1991.
CHÁVARRI, R.: La pintura española actual, Ibérico Europea de Edic., Madrid, 1973.
MAZARIEGOS, Pajares, J.: Rafael Baixeras, Diputación Provincial, Segovia, 2002.
PABLOS, F.: «Rafael Baixeras», en Faro de Vigo, 28-5-93.
RAFAEL Baixeras, Concello A Coruña, A Coruña, 1993.
RAFAEL Baixeras 1947 - 1989, Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, Segovia, 2000.
SEOANE, X.: Identidade e convulsión, Edic. do Castro, Sada, Carnoedo, 1992.
VV. AA.: Rafael Baixeras, Caixavigo, Vigo, 1993.