• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

PANCHO RODIÑO

Rodiño Martínez, Bernardo Ángel

( Pontevedra, 1967 )

Biografía

Inicia a súa formación artística dentro das artes aplicadas na Escola de Arte la Palma de Madrid, entre 1986 e 1991, onde se decanta pola especialidade de Técnicas de Volume. Asiste en 1996 ao taller de escultura que imparte o catalán Sergi Aguilar na Fundación Botín de Santander, e en 1998, aos Talleres de Arte Actual do Círculo de Bellas Artes de Madrid co artista galego Antón Lamazares e co autor vasco Darío Villalba. Obtén a bolsa-taller de pintura da Universidade Complutense de Madrid en 1997 e a bolsa Novos Valores no 2000. Así mesmo, recibe galardóns como o accésit no Concurso Murais na Rúa de Pontevedra (1986), terceiro premio no Certame Galega de Fotografía de Xuventude 92, en Ourense (1992), premio adquisición no II Premio Nacional Villa de Valdemoro, en Madrid (1999), mención de honra no IX Certame Nacional de Debuxo Caija Madrid “Gregorio Prieto”, en Valdepeñas e Madrid (1999), ou o primeiro premio no IV Premio Malvar de Pintura, en Santiago de Compostela (1999). Inicia a súa actividade expositiva en mostras colectivas en 1990, e realiza a súa primeira mostra individual na Sala Macondo da Coruña en 1997, á que lle seguen mostras en Galicia, en espazos como o Ateneo Corredoira de Combarro (Pontevedra), a Sala de Exposicións da Xunta de Galicia en Lugo ou a Galería Paloma Pintos de Santiago de Compostela, e tamén no resto de España no Foro de Pozuelo de Alarcón (Madrid), na Plataforma d´Entitats da Ribeira de Barcelona, ou na Galería Estudio Fuentes de Madrid. A súa obra figura en coleccións como a Colección Valdearte (O Barco de Valdeorras) e na da Xunta de Galicia, así como nas de diversos concellos galegos.  
Na súa sinxela e silenciosa obra de corte informalista e tonalidades neutras a xeometría e as texturas xogan un papel fundamental. As súas obras parecen lembrar a estruturas arquitectónicas e móstranse como superficies fragmentadas a través dunha serie de trazos e formas xeométricas poligonales, con sutís contrastes, nas que a estrutura enreixada resulta recorrente. Exprésase sen recorrer a efectismo algún, a través do mínimo e da suxestión, de maneira que apela ao espectador para completar as súas obras intimistas de estilo inconfundible que parece evocar ao artista abstracto neerlandés Piet Mondrian.        
No óleo sobre lenzo da Colección Afundación, datado en 2001, imponse a xeometría nunha composición cunhas formas cuadrangulares marróns simétricas que xorden dos extremos laterais do espazo pictórico, as cales proxectan unhas sombras negras asimétricas de liñas rectas sobre un fondo indeterminado neutro en tons grises e azulados. Deste xeito, o autor establece un diálogo entre o cheo e o baleiro nunha elegante e harmónica obra de brillante e pulcro acabado definida pola ortogonalidad e a orde que lembra notablemente a composicións neoplasticistas. Aínda que a primeira ollada poida parecer un tanto aséptica, logra transmitir emotividade e certo desconcerto.      

Bibliografía

ARTE en Pontevedra II, Concello de Pontevedra, Pontevedra, 2002. 

CENDÁN, S.: Pancho Rodiño. Domus vacuna I-II, Caja Madrid, Pontevedra, 2002.

NA beira do río: diálogos na pintura, Pazo de Cultura de Pontevedra, Pontevedra, 2013.

NOVOS Valores 2000, Deputación de Pontevedra, Pontevedra, 2000. 

V Bienal de Lalín “Pintor Laxeiro”,  Museo Municipal Ramón Mª. Aller, Xunta de Galicia, Pontevedra, 2001.

VV. AA.: Colección Valdearte, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2000.


Obra

  • SIN TÍTULO

    SIN TÍTULO 2001

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78