PACO PESTANA
Pestana Díaz, Francisco
( Peredo, A Frairía, Castroverde, Lugo, 25 de julio de 1949 - Lugo, 11 de octubre de 2021 )
Biografía
Pasa os seus primeiros anos da infancia en Castroverde, e con oito anos trasládase a Lugo xunto ao seu tío para cursar estudos de Bacharelato. Séntese atraído polo mundo artístico e inicia a súa formación autodidacta. Segue o instinto da súa inquietude viaxeira e realiza numerosas viaxes por Madrid, Barcelona, Andalucía, Portugal, o Sáhara africano —onde exerce como lexionario— e outros lugares do estranxeiro. Combina unha vida bohemia con traballos esporádicos para cubrir as súas necesidades. Namorado da cultura, en especial da literatura, axiña se interna neste xénero a través sobre todo da poesía. Instálase en Lugo a partir de 1977, onde reside ata a actualidade. A finais da década dos setenta decide dedicarse exclusivamente á arte, e comeza a traballar coa escultura con vinte e nove anos. Pertence a unha xeración de escultores que xorden a partir do grupo Atlántica, aínda que nunca chega a pertencer a este grupo. É un exemplo claro da mestura entre obra e artista; resultan inseparables. Ao longo da súa traxectoria participa en destacadas exposicións en territorio español e estranxeiro, e pode ser considerado como un dos artistas máis recoñecidos nos últimos trinta anos en Galicia.
Paco Pestana é un artista multidisciplinario, aínda que podemos consideralo principalmente poeta e escultor. André Breton e o surrealismo son os seus referentes fundamentais, de modo que o automatismo, así como os principios de liberdade, amor e poesía, resultan cruciais na configuración da súa obra. A madeira, material de fortes connotacións no universo galego, é recorrente nas súas obras escultóricas. Unha materia que intervén arrasándoa, pintándoa, recargándoa e transformándoa ata alcanzar un barroquismo absoluto. A súa estética posúe un intenso substrato rural galego, e confronta a Galicia máis tradicional cos costumes dunha sociedade cada vez máis globalizada; compón un mundo máxico no que a través de fantásticas criaturas e materiais encontrados formula diversas inquietudes transcendentais para o ser humano. As súas esculturas, poesías, artigos xornalísticos e performances —de clara inspiración Fluxus— están impregnadas de humor fino, ironía e do absurdo, e están dirixidas a aqueles que sucumben á ditadura do poder e do diñeiro nun intento de axitar conciencias.
A influencia surrealista apréciase claramente na peza escultórica que forma parte da Colección Afundación. Nela atopamos, sempre con ese toque crítico e humorístico, referencias ao mundo primitivo galego de lendas e fantasías. Co seu material predilecto, a madeira, compón un “artefacto” —termo que emprega o artista para referirse ás súas esculturas— no que se suceden ensamblados elementos dispares; desde formas de zapato, a formas orgánicas que se achegan ao mundo animal, ou iconas da nosa cultura recente como se dun cadáver exquisito se tratase. A mestura de elementos recoñecibles con formas abstractas, o xogo de texturas das madeiras e o uso dunha cor moi intensa dunha maneira moi medida reforzan a compoñente lúdica, que Pestana busca ao crear as súas pezas.