• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

PEDRO PÉREZ DE CASTRO

Pérez de Castro y Brito, Pedro

( Madrid, 20 de julio de 1823 - 31 de mayo de 1902 )

Biografía

Nace no seo dunha acomodada familia. O seu pai, D. Evaristo Pérez de Castro Colomeras, era un soado político e diplomático e gran afeccionado da literatura e as artes plásticas (a familia posúe unha importante pinacoteca) que exercerá nel unha notable e constante influencia, así como no seu irmán Mariano, quen tamén será pintor e litógrafo. Con once/doce anos xa mostra un interese artístico, principalmente no debuxo. A súa infancia e adolescencia transcorren en diferentes destinos paternos, entre eles Oxford e Cambridge; onde se deixa seducir polo romanticismo británico. Guiado polo seu pai, inicia a súa carreira profesional na diplomacia en 1840 ─o seu primeiro destino é Londres en 1844─, que compaxinará coa súa vocación artística; ambas as facetas van estar interrelacionadas. Pronto comeza a sufrir problemas de saúde e solicitará licenzas para pasar tempadas en Madrid. A súa saúde irá agravándose co tempo e achará certo alivio para as súas complicacións en augas medicinais de balnearios como os de Granada, Guipúscoa ou Vizcaya; percorrerá moitos lugares do territorio español e Portugal ─a súa nai era lusa─ que quedarán representados na súa produción na que haberá lugar para diversos álbums paisaxísticos. En 1846 é destinado á embaixada española en Roma, e cara a 1850 instálase en España de maneira definitiva e abandona a diplomacia; focaliza a súa atención na arte. Morre o seu pai e por mediación da súa nai, é nomeado Mordomo de Semana da Raíña Isabel II en 1850 ─cargo que ostenta ata 1868─. Cara a 1858 inicia a súa andaina no universo litográfico como ilustrador de diversas editoriais. Participa nas Exposicións Nacionais de Belas Artes e obtén mencións honoríficas en 1860 e 1866, e tamén participa nas mostras da Sociedade Fomento das Artes en 1871 e 1882, onde vende algunhas das súas pinturas. Dun modo progresivo, mergúllase nos ambientes artísticos e recibe eloxios do crítico Francisco María Tubino, quen o sitúa como acuarelista xunto a Fortuny ou Madrazo. É en 1992, coa relevante mostra retrospectiva que organiza o Museo de Belas Artes da Coruña, cando se realza a súa figura, ata ese momento esquecida.    
Destaca na acuarela, foi un pioneiro na introdución desta técnica en España, e tamén na litografía ─aínda que tamén cultiva o óleo─, cun estilo que segue as correntes imperantes e no que evidencia o seu gusto polo detalle. Deste xeito, móstrase vinculado ao romanticismo, cunha especial influencia dos paisaxistas ingleses, en especial de David Roberts, e tamén do ferrolán Jenaro Pérez Villaamil; ao naturalismo, presente na súa obra a partir dos sesenta; e cara a fin de século e comezos do seguinte, ao costumismo. As súas temáticas están centradas fundamentalmente no paisaxismo e arquitecturas que ten oportunidade de coñecer de primeira man nas súas múltiples viaxes motivadas pola súa saúde ou por cuestións relacionadas cos seus cargos de diplomático e personaxe da corte.
Nas tres acuarelas sobre papel que figuran na Colección Afundación apréciase a súa sinxeleza e limpeza técnica, o seu virtuosismo no debuxo acompañado dun cromatismo harmonioso no que predominan os ocres, verdes e marróns. Tanto en Iglesia Gótica (1862) como en Paisaje (1871) destaca a luminosidade das escenas nas que os personaxes aparecen representados a moi pequena escala e que resultan acentos de cor dunhas composicións nas que a natureza posúe unha gran relevancia, igual que na paisaxe máis temperá (1860), que representa mediante unha técnica máis solta, cun aroma nostálxico e intimista inherente á súa produción.   

Bibliografía

PANTORBA, B.: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes, Jesús Ramón García-Rama, Madrid, 1980.

PEDRO Pérez de Castro, Museo de Belas Artes, A Coruña, 1992.

VV. AA.: Plástica gallega, Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1981.   

Obra

  • Paisaje

    Paisaje 1860

  • Paisaje

    Paisaje 1871

  • Iglesia Gótica

    Iglesia Gótica 1862

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78