AGUSTÍN PÉREZ BELLAS
Pérez Bellas, Agustín
( Vigo, 23 de marzo de 1927 - 7 de julio de 1982 )
Biografía
A súa infancia desenvólvese en Vigo, onde enche de debuxos os cadernos de matemáticas. A guerra civil deixa pegada nel e a súa ideoloxía política inclínase cara a unha esquerda radical. Con dezaoito anos trasládase a Madrid para estudar Arquitectura; remata a carreira en 1954 cun sobresaliente no expediente, se ben compatibiliza os estudos co debuxo e mais a pintura, e realiza as primeiras exposicións no mundo universitario. Abre o seu estudio en Vigo e empeza a exercer como arquitecto; realizará obras importantes e notables como a cidade deportiva da sociedade Círculo Mercantil ou o Sanatorio Troncoso de Vigo. En 1955 realiza a primeira exposición de debuxos na súa cidade natal, e en 1959 casa con Mercedes Ruibal, un fito esencial na súa biografía tanto a nivel vital coma artístico. A parella frecuenta o Café Goya ou a Taberna de Eligio, puntos de encontro vigueses de artistas e escritores como Bar Boo, Lugrís ou Laxeiro. Son asiduas as súas viaxes a Madrid, frecuentan o Café Gijón, onde establece amizade con Antonio Quirós ou María Antonia Dans, e tamén viaxarán por Europa, con estadías en París e Roma, cidade na que coñecerá a Rafael Alberti co que traba unha boa amizade. Expón a súa obra —debido á insistencia de amigos artistas e críticos como José María Moreno Galván— en Madrid, A Coruña, Vigo, Hamburg ou América do Sur. Esta actividade acompáñao ocasionalmente coa de crítico de arte en La Voz de Galicia. Con só 55 anos falece repentinamente en plena madurez artística. A súa obra está presente en museos galegos como o Quiñones de León ou o de Belas Artes da Coruña, así como en destacadas coleccións nacionais e americanas.
Gran debuxante e bo pintor, o seu amplo coñecemento da historia da arte permítelle construír un estilo propio, expresionista, neobarroco, con tinturas surrealistas (polo compoñente onírico das súas composicións). O seu universo plástico arranca indubidablemente de Goya —comparte a predilección polo negro— e, entre os seus creadores máis admirados están Castelao, Daumier, Ensor ou Rouault. O seu imaxinario compóñeno figuras siluetadas, seres monstruosos e deformes, frecuentemente situados ante a perspectiva infinita do mar —o seu escenario favorito. Na súa obra é posible atopar ironía sarcástica —el mesmo dicía: “Dos meus debuxos despréndese un humor amargo e un confusionismo metódico. Eu creo que precisamente o confusionismo é unha raíz moi galega”—, erotismo, lirismo e unha intención de intensa carga social, en ocasións con tinturas de denuncia, cuxa tristeza e amargura sempre aderezaba de tenrura e dun sinal de esperanza.
Na Colección Afundación figura un nutrido grupo de trece obras —debuxos e pinturas— do autor. O expresionismo propio do artista resulta evidente en todas as escenas, nas que o ser humano é parte esencial, e que compón con branco e negro ou ben cunha variada paleta de cores. Nas obras Susana y los viejos, Pareja en negro e Xogadores amosa a súa faceta máis atrevida e crítica con enérxicos trazos de tinta. A súa faceta onírica aparece, sobre todo, en El artista y la modelo, así como en Vuelan mis deseos. En Figuras e Xente do circo representa inquietantes personaxes en primeiro plano sobre fondos escasos e imprecisos, e o seu característico encadramento de figuras en primeiro termo cara á zona inferior deixando o resto do espazo baleiro —amplos horizontes para a esperanza nesa melancolía—, son matices que se atopan en Dos cabezas e Antes de la luz, e mais nas escenas de mar de sensibilidade romántica de Mas allá del mar, Soledades, Tempestad e Distancia.
Bibliografía
CAMPOY, A. M.: Diccionario crítico del Arte español contemporáneo, Ibérico Europea Edic., Madrid, 1973.
PABLOS, F.: Plástica gallega, Caixavigo, Vigo, 1981.
VV.AA.: “Pérez Bellas” catálogo da antolóxica nº 38 da serie Grandes Artistas Gallegos, coa obra reproducida na p. 60.