REIMUNDO PATIÑO
Patiño Mancebo, Reimundo
( A Coruña, 8 de marzo de 1936 - 21 de agosto de 1985 )
Biografía
A personalidade deste artista, tan prematuramente desaparecido, trascende o ámbito puramente plástico para incidir en campos sociais e políticos, pois sempre se sentiu comprometido cos movementos nacionalistas galegos na amizade con xoves intelectuais contemporáneos, entre os que destaca o callado escritor Xosé Luis Méndez Fermín. Residiu en Madrid desde 1958 e na capital de España intensifica, e ata exacerba, a súa militancia galeguista, coa participación en grupos belixerantes como "Brais Pinto" ou "Estampa Popular Galega", que pretendía difundi-la arte en medios sociais ós que habitualmente non chega. O seu pensamento pretende auna-las tradicións atlantistas e o planfetismo centroamericano coas reivindicacións galeguistas. Iniciase, desde o autodidactismo, en modos informalistas, que derivarán cara un expresionismo forte, con debuxo enérxico e colorismo enrolador, sen dúbida influído polos grandes muralistas mexicanos, sobre todo Orozco e Sequeiros. Máis ca unha plástica en si mesma, a súa obra é un arma de militancia e denuncia, con fins sociais. Traballa en grandes formatos e ensaia expresións de multiplicidade, como a litografía e o gravado. Intégrase no grupo "A Gadaña", con mostras que percorren Galicia e boa parte de España. Como gravador participa en colectivas importantes, entre elas a IV Bienal de Lubjana. O seu temperamento difícil, atormentado, refléctese na súa obra, que busca grafismos complicadísimos. Incide no máis feroz expresionismo, aínda que ó fin sempre latexe na súa pintura un lirismo indeclinable. As súas mostras persoais sucédense en diversas cidades de Galicia e mais en Madrid e Barcelona. Participa nas actividades de Sargadelos e a súa obra vai chegando ós museos de Galicia e a coleccións institucionais. Tralo seu falecemento temperán realízanse exposicións antolóxicas, homenaxe dos seus amigos intelectuais a un militante permanente de todo movemento galeguista.
Bibliografía
-Sobrino Manzanares, M.ª Luisa y Nieves, Juan de: O proceso abstracto. Compostela, Consorcio da Cidade de Compostela, 1994. -Franco Grande, X. L.: Os anos escuros. I. Vigo, Edic. Xerais, 1985. -Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Caixa Galicia, 1987.