Cunha temperá vocación artística, fórmase inicialmente dunha maneira autodidacta; formación que completará posteriormente coa participación nun taller impartido por Jannis Kounellis, a realización do Máster en Produción e Xestión Audiovisual da Universidade da Coruña, e con cursos en prestixiosos centros internacionais como o Royal College of Art e o Central Saint Martin College of Art de Londres, así como no School of Visual Arts de Nova York. Obtén en 1990 o premio Arganzuela en Madrid e tres anos máis tarde gaña a bolsa Novos Valores na Bienal de Pontevedra que lle permite viaxar por segunda ocasión a Nova York. En 1997 gana o segundo premio do certame Eixo Atlántico, e catro anos despois obtén a prestixiosa bolsa de creación artística na estranxeiro Unión Fenosa que goza durante seis meses en Londres. Os premios continúan, pois logra o accésit no II Premio Auditorio de Galicia (2002), premio nova creación artística do Museo do Mar de Galicia (2003) e o segundo premio Conxemar (2006). Realizou exposicións individuais e colectivas en diversas cidades galegas, Elxe, Pamplona, Madrid, Barcelona, Berlín (Alemaña), Basilea (Suíza), Francia ou Portugal, e participou na feira de arte contemporánea ARCO en repetidas edicións. A súa obra atópase representada en reputadas coleccións como a do CGAC, Unión Fenosa, Museo de Calcografía Nacional de Madrid, Deputación de Pontevedra, COAG (Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia), Museo do Mar de Galicia en Vigo, Concello de Madrid, Caixa Madrid, ou na Colección Eixo Atlántico, así como en coleccións privadas. Colaborou en destacadas publicacións e así mesmo escribiu artigos de opinión semanal en La Voz de Galicia. Desde finais de 2006 reside en Berlín, Alemaña.
Artista visual de espírito experimental, innovador, viaxeiro, e comunicador, explorou moi diferentes disciplinas que abarcan a pintura, a colaxe, a fotografía, a instalación, a sucesión de imaxes ou o vídeo. Sostén que a técnica non é un fin en si mesmo, senón un elemento máis da súa integración nun todo sorprendente, que é a súa obra. Entende que o artista ten unha función e que por encima do formal está a creatividade, a curiosidade... e o tratar de ir aos fundamentos da realidade ─a súa principal preocupación─, de modo que no seu traballo artístico parte dunha forte base conceptual e céntrase na exploración do que entendemos por «realidade» máis aló do consenso. Os seus inicios artísticos están vinculados á pintura, a fotografía, e tamén á colaxe, cunhas obras nas que os elementos naturais adquiren protagonismo, para evolucionar cara a un traballo máis «totalizador» no que cultiva principalmente a instalación, e posteriormente focalizar a súa atención nos medios dixitais.
A fotografía que integra a Colección Afundación, datada en 1999, encádrase nunha serie de traballos denominados Sobre el espacio-tiempo, nos que o autor santiagués parte da realidade e capta desde o interior dun automóbil unha sorprendente e abstractiva imaxe chea de dinamismo e dominada polo azul, na que se pode recoñecer o rostro difuminado dunha muller a modo de reflexo así como un foco de intensa luz, que nos transporta a outra dimensión moi afastada desa realidade orixinal.
AGRUPAR desagrupar: rupturas da representación, CGAC, Santiago de Compostela, 2016.
BECAS de Creación Artística Unión Fenosa. Simón Pacheco, 1999-2005, Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa, A Coruña, 2005.
SIMÓN Pacheco, Caja Madrid Obra Social, Pontevedra, 1999.
VV. AA.: Enciclopedia Galega Universal (EGU), Tomo 13, Ir Indo Edicións, Vigo, 2002, p. 151.
VV. AA.: Galicia Arte, Tomo XVI, Arte Contemporáneo. Hércules de Ediciones, A Coruña, 1999, pp. 428-429.
VV. AA.: Gallegos: Quién es quien en la Galicia del siglo XXI, Feliciano Barrera, Santiago de Compostela, 2002.