• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

ÁNGEL ORCAJO

Orcajo, Ángel

( Madrid, 1934 )

Biografía

Ángel Orcajo naceu en 1934 en Madrid. Comezou os seus estudos de debuxo e gravado na Escola Nacional de Artes Gráficas onde coincidiu con artistas como Antonio López, vínculo que se converteu nunha amizade duradeira e significativa para ambos. Posteriormente, terminou os seus estudos de pintura na Escola Central de Belas Artes de San Fernando no ano 1957, momento no que a influencia de Van Gogh resultou especialmente decisiva na súa carreira e que se fai evidente no seu expresivo uso da cor e nunha pincelada cargada de emoción. 

En 1958, realizou a súa primeira exposición individual na Galería Abril de Madrid. Este período estivo marcado por diversos pensionados que lle permitiron estudar en cidades como Segovia ou Santander, ata que grazas a unha bolsa do Ministerio de Asuntos Exteriores e ao Goberno francés, puido trasladarse a París en 1959. Esta estancia foi determinante para a súa traxectoria pictórica, xa que alí iniciou a súa primeira etapa marcada por paisaxes e naturezas mortas que, aínda que conservaban certo academicismo na forma, proxectábanse cara a un imaxinario onírico e poético, influído pola obra de Marc Chagall. Nestes anos, Orcajo empeza a comprender que a pintura non debía limitarse a reproducir a realidade, senón que podía converterse nun espazo mental.

Durante estes anos de formación e primeiros proxectos, unha viaxe en tren a Pontevedra para visitar ao seu irmán maior, marcou especialmente a súa vida persoal, xa que coñeceu a Maribel (artista plástica galega), quen se convertería na súa muller. A partir de entón, Orcajo comezou a vincularse de maneira profunda con Galicia, onde terminaría asentándose en Buxán (Dumbría). O propio artista explicaba que en Galicia atopaba unha autenticidade que sentía afastada nas contornas urbanas e na dinámica do sistema artístico: “Encontro máis verdade nos ambientes rurais que en traballar con empresas, galeristas”. Esa sensación proxectarase máis adiante na atmosfera de moitas das súas obras, e explica tamén a presenza de traballos seus en coleccións galegas.

A comezos dos anos sesenta, Orcajo penetrouse na corrente figurativa en contraposición ao informalismo, dominante en España nese momento. A súa pintura comezou a evolucionar cara a unha linguaxe máis próxima ao pop, compartindo inquietudes con artistas da súa xeración, como Equipo Crónica, aínda que distanciándose deles en intención e enfoque. Mentres que o pop tendía á sátira directa e á crítica inmediata, Orcajo buscaba explorar o simbólico e o metafísico, introducindo dimensións interiores e laberínticas. Como sinala Eric Casais, na súa obra parecen convivir dúas ideas que viran ao redor da  idea do realismo no que traballa o propio pintor: “un: que a cabeza do artista non era ou non tiña por que ser unha “caixa negra”; e dous: que a realidade sensorial é cambiante”. Con isto, comenta que a arte sempre trata a problemática de como a realidade se nos presenta e de como nós, como espectadores, estrañámonos da realidade que se nos mostra.

Para iso, Orcajo realizou series de lenzos de gran formato, inspirándose en figuras que considera fundamentais, como Igor Stravinsky, cuxas composicións musicais acompáñano mentres traballaba no seu estudo; Andrei Tarkovski, cuxa poética cinematográfica convidábao a pensar na imaxe como tempo e Marcel Proust, coa súa obsesión pola memoria, o amor e o paso dos anos. Estas series non buscaban retratar a esas personalidades, senón dialogar co seu mundo interior. Nelas, o espectador non atopa violencia explícita, senón unha intensidade emocional que conduce cara a unha reflexión sobre a fraxilidade humana e a desilusión como condición compartida.

En 1966, Orcajo obtivo unha bolsa por parte da Fundación Juan March para continuar os seus estudos en Italia. Posteriormente, en 1969 foi convidado a expoñer a súa obra na Bienal de Sao Paulo en Brasil, consolidando a súa posición no panorama internacional. A década de 1970, comezou cunha intensa actividade expositiva en Suíza, Bélxica, Alemaña, Holanda, Dinamarca e Suecia, ata que en 1975 representou a España na Bienal de Venecia xunto ao seu amigo César Manrique e a súa muller Maribel. Aquela viaxe marcou profundamente a ambos, significando unha apertura a outras linguaxes e formas de entender a arte máis aló da España aínda marcada polo final do franquismo.

Ao seu regreso, Orcajo expuxo na Galería Marlborough sériea  “Enxeñería de cabezas urbanas”, onde configurou metáforas visuais na que os sistemas neuronais convértense en estruturas urbanas: estradas como sinapsis –conexión entre as neuronas–, pasos elevados como conexións mentais e cidades como paisaxes de pensamento. Desta serie xorden obras como “Cabeza Urbana”, “Dous Perfís Urbanos”, “Díptico dos cerebros”. Con todo, a relación entre o artista e a galería terminou deteriorándose cando esta presionou a Orcajo para reducir o formato das súas obras, buscando unha maior comercialización; a ruptura foi inevitable xa que Orcajo defendía o gran formato como unha forma de confrontación directa co espectador e como espazo de pensamento expandido. Isto, o que provocou que o artista se reafirmase en canto á preferencia polas galerías rurais galegas.

En 1980, o Museo de Arte Contemporánea (MEAC) dedicoulle unha exposición retrospectiva: “Orcajo: 24 anos de pintura”, na que combinou o música jazz de Manolo Gas coa súa obra, reafirmando a súa concepción interdisciplinar da arte. Ademais, en 1986 viaxou a Estados Unidos onde expuxo na Universidade de Columbia e na Casa de España en Nova York. Durante esta etapa, executou “A icona ferida” (1995-1997), unha pintura dun rañaceos ferido, atravesado, case sanguento que, segundo a lectura do profesor Rafael Aberto Pérez: “agora é un enorme e premonitorio rañaceos, anos antes das Torres Xemelgas.”

En 1990, Orcajo explorou unha abstracción xeolóxica e arquitectónica que Calvo Serraller denominou “espazo e enerxía”, aínda que pronto regresou a un expresionismo crítico alimentado por iconas prestadas de mestres anteriores como a Torre de Babel de Brueghel o Vello como se ve en “Sacrificio” (1995) ou as esculturas de Henri Moore como se ve en “Ocaso con Figura de Henri Moore” (1997). Todo iso, son lecturas pesimistas de, como apunta o profesor Rafael Alberto Pérez: “derívaa humana exhibidos sen amagues a propósito de que uns terán a valentía de mirar (...) e talvez tomar conciencia mentres que outros preferirán ignoralo.”

Ademais, para levar a cabo estes cadros, toma como inspiración de novo o cinema e concretamente  “Metrópoles” ( Fritz Lang, 1927), como se pode ver en “Rompendo ondas” onde existe unha clara referencia ao cartel de presentación que fixo o director para a súa película. No cadro, apréciase unha acumulación de rañaceos que termina rompendo pola súa gran altura, o teito de nubes que o oprimía; estes, son aspectos que lembran claramente á película como comenta –sobre a composición dos edificios no cadro– o profesor Carlos Salgas González: “composto por nítidas liñas e volumes que se xustapoñen e graduan así como representado por un contrapicado (...) son aspectos que nos fan pensar nos edificios de Metrópoles que manteñen unha forma practicamente idéntica”. 

Na década dos anos 2000, expoñerá na Igrexa de Santo Domingo de Bonaval (Santiago de Compostela, 2001) e o Instituto Cervantes de Milán e Roma (2008). Tamén realizou murais de gran formato como o dedicado a Picasso na Estación de trens de Málaga ou a do salón de plenos do Concello de Sombría na Coruña.

Posteriormente, no ano 2009 tivo lugar unha exposición memorable en Palexco da Coruña titulada “A beleza e a destrución” comisariada por Antón Castro onde se atopaban obras de ata 5 metros de alto, sendo considerada polo seu comisario e por Erik Casasis como “a sinfonía pictórica de Wagner”. Nela atopábanse obras como “Vento da alma” (2000) pintura en acrílico onde a alma é representada por unha muller pensativa á deriva nun naufraxio no medio do mar onde o fluxo do tempo e os cambios sociais afectan á personalidade deixando pegadas que poden variar a individualidade de cada un.

Na década de 2010, as obras de Orcajo veranse bañadas pola presenza da pintura romántica do século XIX, concretamente, pola pintura de Friedrich “O camiñante sobre o mar de nubes” (1818), a cal se volveu recorrente, sendo recortada a figura do cadro orixinal e integrado de novo en paisaxes moito máis catastróficas asolagados de cor que denotan perigo e soidade.

En 2021 a Universidade de Alcalá de Henares organizou unha exposición antolóxica realizada polos seus fillos, que reivindicou a súa figura como unha peza crave no panorama da arte contemporáneo español da segunda metade do século XX.

Na Colección de Afundación consérvase a obra “O berro represión” (1975) onde Orcajo mostra unha vez máis o seu compromiso social a través deste gravado no que se plasman rostros vendados gritando sen poder ser escoitados nunha urbe marcada polo silencio e a deshumanización. Como sinala o propio artista ao redor da súa arte: “A miña rebelión foi loitar desde a pintura contra o poder en favor dos que menos teñen”.

Bibliografía

CASTRO, A. e CASAIS, E. Orcajo: naufraxios e miradas: o erro como espectáculo: obras escollidas de 1964 a 2008 (catálogo de exposición). Sala Municipal de Exposicións de Palexco, A Coruña, 2009.

ANÓNIMO. Orcajo: un mestre da pintura. Rialto, 2024.

CASAIS, E. Orcajo. O meu amigo Orcajo. Rialto, 2024.

ALBERTO PÉREZ, R. Ángel Orcajo: a autocreación permanente do artista. Vía PDF, s.f.

SALAS GONZÁLEZ, C. Do cinema ás artes plásticas. Relacións e influencias nas vangardas históricas (Tese Doutoral). Universidade de Murcia, 2010.

ANÓNIMO. Ángel Orcajo. Metamorphose Galería, actualizada en 2024.

ANÓNIMO. Ángel Orcajo. BBVA, s.f.

LADO, J.V. «O gran drama do noso tempo é a deshumanización do home». La Voz de Galicia, 2017.

Obra

  • EL GRITO REPRESIÓN

    EL GRITO REPRESIÓN 1975

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78