JUAN NAVARRO BALDEWEG
Navarro Baldeweg, Juan
( Santander, 31 de junio de 1939 )
Biografía
Cunha vocación artística moi temperá, estuda debuxo e pintura na súa cidade natal (1951-1956), e posteriormente, realiza estudos de gravado na Escola de Belas Artes de San Fernando (1959-1960). A seguir, cursa a carreira de Arquitectura na Escola Superior de Madrid (1960-1965), onde se doutora en 1969 e na que será catedrático de Proxectos desde 1977. Compatibilizará a arquitectura coa súa faceta noutros campos artísticos, principalmente a pintura, pois afirma: «Sempre me sentín pintor» e «De neno eu pintaba e estudei arquitectura para ter unha profesión. Vivir da pintura é... complicado». Realiza a primeira exposición individual na madrileña Galería Fernando Fe en 1960, tras a que participa noutras mostras individuais e colectivas en España ata que en 1970 obtén unha bolsa da Fundación Juan March para realizar labores de investigación en artes visuais no Center for Advanced Visual Studies do Massachusetts Institute of Technology (MIT). Permanece alí un quinquenio e participa nalgunhas exposicións. O seu vínculo coa docencia continúa ao longo do tempo e exercerá como profesor invitado en prestixiosas universidades estadounidenses e europeas. Tras o regreso a España, expón en mostras individuais e colectivas en España, Europa e América, participa en prestixiosas feiras de arte contemporánea como ARCO ou Art Basel —en repetidas edicións—, e concorre á Bienal de Venecia (1978), VII Bienal de Pontevedra (1983), XVIII Bienal de São Paulo (1985) ou a Trienal de Milán (1986). Entre os seus múltiples recoñecementos, cómpre salientarmos o Premio Nacional de Arquitectura e de Artes Plásticas, así como a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes e da Arquitectura Española.
Multidisciplinar, compaxina a arquitectura coa pintura, a obra gráfica, a escultura ou a instalación; asegura que se considera artista por encima de todo, e tamén cultiva a escritura e realizou traballos de ilustración. Nos seus inicios artísticos amosa un vínculo co minimalismo e o action painting —afirma Bonet Correa: «Era o único post-painterly español». Desenvolve un traballo máis teórico e conceptual ata os anos oitenta, momento a partir do cal a pintura protagoniza o seu labor creativo. Acostuma a organizar a obra en series. A súa pintura, dunha gran forza expresiva, transloce unha joie de vivre grazas a un cromatismo de gran pureza, riqueza e sensualidade, que apela á imaxinación e mais á liberdade. A súa poética flutúa entre a abstracción e a figuración, con influencias de Matisse, Picasso, da arte oriental e do expresionismo abstracto; o seu traballo pictórico foi definido como «un expresionismo abstracto bañado de certo clasicismo e xeometría». No seu camiño artístico hai anarquía, aínda que tamén coherencia, cun traballo no que resultan fundamentais o ornamental, o equilibrio entre o azar e o control, así como a gravidade, o espazo, ou a luz, propia do val do Xaló (Alacant), onde acostuma a refuxiarse para pintar.
Na Colección Afundación figura unha litografía —técnica habitual dentro da súa obra gráfica— datada en 1994 na que dá conta da súa intensa capacidade imaxinativa; sostén que «a actividade de pintor é un continuo exercicio de imaxinación». Sérvese do seu variado e intenso cromatismo (no que predomina o negro), e da súa persoal poética nunha composición na que se adiviñan diferentes campos cromáticos, figuras e liñas (aparecen as súas características liñas oblicuas, ondulacións e zigzags). Trasládanos a un universo inexplorado afastado da realidade, que a nivel compositivo semella unha sorte de colaxe —pois asegura que «todo se rexe baixo unha orde case natural»—, no que o imposible parece tornarse posible cun certo aire onírico.
Bibliografía
BOZAL, V.: Arte del siglo XX en España: Pintura y escultura 1939-1990, Tomo 2, Espasa Calpe, Madrid, 1995.
JUAN Navarro Baldeweg, CGAC, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2002.
JUAN Navarro Baldeweg, IVAM Centre Julio González, Valencia, 1999.
MILLANES, J. J. e NAVARRO BALDEWEG, J.: La habitación vacante, Pre-Textos, Valencia, 1999.
VV. AA.: Diccionario de pintores y escultores españoles del siglo XX, Tomo 10, Forum Artis, Madrid, 1994, pp. 2907-2908.