• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

JOSÉ MOSQUERA

Mosquera Pedrosa, José María

( Madrid, 1954 )

Biografía

Raíces galegas ten este madrileño, posto que é fillo do gran pintor coruñés Luis Mosquera, establecido na capital de España. No estudio do seu pai comeza a vivir a pintura quen, en principio, se decide pola carreira de Dereito, aínda que xa latexa na súa mente a inclinación de ser pintor.

Asistiu a cursos de debuxo con Pedro Mozos e no Círculo de Belas Artes e da adolescencia datan os seus primeiros ensaios coa cor. Aos 25 anos, decide definitivamente dedicarse á pintura. Unha grave enfermidade do seu pai invítao a utilizar o estudio paterno. Fai as súas primeiras exposicións e cursa estudos de Belas Artes en San Fernando. É discípulo de Molezún, o gran pintor coruñés. Fai amizade con Antonio López García. Coñece a Bracque, que lle dedica un libro e invítao a seguir pintando.

Absorbe intensamente correntes clásicas, españolas, americanas, europeas. Interésanlle e estúdaos a fondo, multitude de artistas, desde os renacentistas e barrocos a Bacon, Sironi, Magritte. Picasso está moito tempo presente nas súas referencias. Alterna estancias en Estados Unidos e Italia coa súa residencia da serra madrileña. Aborda os xéneros máis diversos, desde o bodegón ao retrato e á paisaxe.

As súas exposicións importantes inícianse en 1996. Numerosas cidades de Estados Unidos coñecen e admiran a obra deste galego de Madrid. É presenza constante en Chicago, como o é en Madrid e en Santander. A pintura de Mosquera Pedrosa é glosada por firmas notables, entre elas a de Camilo José Cela. A súa obra chega aos museos Unión Fenosa da Coruña; do Gravado Español Contemporáneo, en Marbella, Málaga; Ministerio de Asuntos Exteriores, en Madrid; Biblioteca Nacional, Iberdrola, Fundación Paideia e outros.

O realismo vagamente impresionista da pintura do seu pai inflúe inicialmente en José María Mosquera quen, á fin, será moito menos concreto, liberándose de ataduras de formas e referencias, para camiñar por unha abstracción atenuada, de gran pintor, emotivo, de exquisita técnica e gran dominio do oficio. Ás veces, a referencia desaparece e a súa pintura é pura cor, en gradacións moi líricas, que constitúen paisaxes ideais con naturezas máis presentidas e intuídas que concretables.

Poucos elementos lle bastan para os seus bodegóns. Con frecuencia, un só obxecto, humilde, que o pintor eleva a categoría perdurable. Un encanto de fantasía lévao a crear atmosferas delicadísimas; emparentables, como mera alusión, con certo posimpresionismo. A materia é delgada, moi tendida, que permite ver a granulación do tecido de soporte, que se incorpora ao resultado con efectividade sorprendente. Un punto máis e alcanzaría o informalismo. Pero Mosquera refrea ese impulso deliberadamente.

Desde esa simplificacións era case inevitable que accedese ao gravado, tamén en modo romántico e impresionista. As súas augafortes son tan importantes como os seus óleos e participan dun mesmo mundo estético.

Bibliografía

CARUNCHO, L. M.: Luis María. José Mosquera, Excel Partners, Madrid, 1997.

Enlace páxina web del artista: https://josemosquerapedrosa.com/

Obra

  • ESCENARIO

    ESCENARIO 1995

  • NOCTURNO

    NOCTURNO 1995

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2023© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2021
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78