LUIS MOSQUERA GÓMEZ
Mosquera Gómez, Luis
( A Coruña, 1899 - Madrid, 1987 )
Biografía
Luis Mosquera demostrou o seu talento para o debuxo xa desde neno, polo que axiña entrará na Escola de Artes e Oficios da Coruña, onde tivo como profesor o pintor Román Navarro. Na Universidade de Santiago de Compostela estudará Física, Química e Historia Natural, para trasladarse a Madrid en 1920 para preparar oposicións ao corpo de técnico de aduanas. Na capital aproveita para relacionarse con distintos círculos artísticos e observa o auxe das escolas rexionais.
Unha vez que consegue a súa praza, Mosquera visitará París para estudar as vangardas artísticas, o que lle facilitará perfeccionar a súa técnica e decantarse por dedicarse á pintura profesionalmente. Así, na década dos anos 40 participará en varias exposicións e conseguirá o recoñecemento de crítica e público. Compaxinaría a súa parte creativa coa docencia na Escola de Belas Artes de Madrid, formou parte da Xunta de Valoración de Importación e Exportación de obras de arte e en 1963 ingresou como membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
Este artista traballou principalmente catro xéneros: a paisaxe, o bodegón, o nu e o retrato. Destacou en todos eles pola súa capacidade técnica, polo dominio dunha pincelada fluída e pola consecución de atmosferas tranquilas mediante un coidado abaneo de luces e aplicación cromática.
Na colección de Afundación consérvanse dúas obras deste pintor, ambas pertencentes a dous dos seus xéneros máis traballados. Por orde cronolóxica, a primeira é Natureza morta con libro, datada en 1935, na que recrea un bodegón en primeiro plano, conformado por un libro aberto, un vaso verde ateigado de flores de intenso vermello, rodeado por unha tea cuxas dobras lle serven para estudar o comportamento da luz. O vermello destaca sobre o resto da gama cromática, unha gama na que prevalecen os grises e verdes apagados. A presenza humana, sempre recorrente nas naturezas mortas deste autor, queda patente mediante a páxina na que se detivo a lectura, sinalada por unha delicada cinta azul. A obra pertence á súa etapa inicial como pintor e, non obstante, xa se revelan trazos distintivos do estilo definitivo de Mosquera, como o equilibrio compositivo e a pincelada solta e concisa.
A segunda obra titúlase Retrato do Dr. Santiago Carro. O pintor sitúa sobre un fondo ocre indefinido o busto do retratado, nunha posición lixeiramente ladeada, mirando directamente o espectador. Colocado en primeiro plano, o autor realiza un retrato de detalle no que os trazos e a indumentaria do personaxe lle permiten recrearse no detalle. A obra pertence ao período de madureza da traxectoria do pintor, no que o xénero do retrato ocupou gran parte da súa produción, xa que era moi reclamado entre a súa clientela.
Bibliografía
Caruncho, Luis: Luis Mosquera. A Coruña, Fundación Barrié, 1992.
Pantorba, Bernardino de: Historia y crítica de las Exposiciones Nacionales de Bellas Artes. Madrid, 1980.
Faraldo, Ramón: Espectáculo de la pintura española. Madrid, Edit. Cigüeña, 1953.
Camón Aznar, José: XXV años de Arte en España. Madrid, Ministerio de Cultura, 1964.
Campoy, A. M.: Diccionario crítico del arte español contemporáneo. Madrid, Ibérico Europea de Edic., 1973.
Martínez Barbeito, Carlos: Breve memoria de Luis Mosquera. A Coruña, 1992.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981. -F. Pablos “O secundario elevado ó protagonismo” no catálogo da exposición “Bodegóns e floreiros” de 1998, reproducido co nº 7.