TATIANA MEDAL
Medal Francesch, Tatiana
( A Coruña, 1971 )
Biografía
Considerablemente precoz, dáse a coñecer cando conta só vinte anos, na mostra colectiva “Poética do cotián”, que tivo lugar en Pontevedra, cidade á que retorna a súa obra para a colectiva “Insinuacións”, que tivo lugar na Facultade de Belas Artes, e para “Novos Valores”, da Bienal, en 1994. Como é tradicional, a moza artista concorre a certames colectivos, en Cambre (A Coruña), Ourense e Santiago de Compostela. Na cuarta edición da Mostra Unión Fenosa, en 1995, o xurado decide a adquisición dunha obra desta coruñesa, que xa foi distinguida coa bolsa de estudios pola Deputación de Pontevedra e accésit no salón de Arte Xove de Ourense. Está representada no mencionado organismo provincial pontevedrés, así como no seu homónimo da Coruña, no Concello de Ourense e na colección Unión Fenosa. Tatiana Medal idealiza na súa obra un mundo fantástico de arquitecturas insinuadas, puramente lineais, en planos e interseccións, nos que ocasionalmente asoma unha curva. Parecen construccións industriais, acaso aproximacións ó mundo dos estaleiros ou da actividade petroquímica, con texturas neutras, en carmíns terrosos, con ringleiras de puntos refulxentes a modo de remaches na chapa de ferro. O xogo dos planos constitúe unha sabia e elemental composición, axordada, como afastada, vagamente onírica pese á súa aparencia de realidade case tanxible. Evidentemente, é un mundo persoal, sabiamente orquestrado, neutro, cunha contemplación que desacouga e interesa. É probable que a pintora evolucione cara a ámbitos máis abertos, se ben soubo sosterse no que poderiamos chamar variacións múltiples sobre un mesmo tema, como obsesivo, tan envolto que non existe unha soa estridencia e, sen embargo, está latexante, e ata presente, un ritmo peculiar que interesa e ata desacouga ó espectador desta pintura analítica, cerebral, pero pintura, no mero alarde sen contido, senón cargada de emotividade, de paixón refreada, na súa aparente frialdade mineral, estructurada como unha sinfonía.
Bibliografía
-Oliveira, Manuel, en "Blanco. Medal. Muñoz. Puy". Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 1996. -IV Mostra Unión Fenosa. A Coruña, 1995.