• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

CHELÍN

Martínez González, José Eduardo

( A Coruña, 1945 - 2016 )

Biografía

Tras estudar no Colexio dos Maristas da súa cidade natal, Chelín integrarase no Ballet Galego Rey de Viana co que percorrerá Europa e América, tras abandonar os seus estudos de mariño mercante. Ao regresar a España, comezará a súa formación en Belas Artes na madrileña Escola de San Fernando, na que coincidirá cos seus colegas e amigos da Coruña, Juan Vasco e Zapata.

De volta na súa cidade natal, entrará a formar parte dos grupos artísticos Galga e A Carón, que realizaron varias exposicións conxuntas a finais dos anos 70 e comezos dos 80. Neles coincidiu con figuras como Correa Corredoira, Pepe Galán, César Otero ou Mon Vasco, entre outros.

A obra deste autor forma parte de coleccións privadas, públicas e institucionais como o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada (A Coruña), o Museo Bello Piñeiro de Ferrol, a Colección do Colexio de Arquitectos de Galicia, a Fundación Mendoza (Caracas), a Colección da Fundación ONCE ou a Colección Cortizo de Padrón (A Coruña). Así mesmo, expuxo en diferentes cidades españolas como Vigo, Salamanca, Madrid ou Santiago de Compostela, entre outras, e nalgunhas europeas como Nantes, Lorient ou Dublín. Por dous anos consecutivos, en 1999 e 2000, recibiu o Premio Isaac Díaz Pardo.

O estilo de Chelín, que abordou diversas técnicas como o gravado ou a pintura mural, bebe dun expresionismo e dun poscubismo que leva practicamente ata a abstracción. Aínda que nas súas obras poida haber referentes formais a obxectos, estes pérdense en espazos amplos, practicamente monocromos e indeterminados, tendendo cada resultado final da composición á xeometrización. As obras Parchís chinés e Sen título baséanse nesas características, nas que o autor superpón sobre fondos indefinidos figuras de tendencia xeométrica ás que impregna de certo lirismo e azar, potenciado polas veladuras na segunda obra. As gamas cromáticas baseadas nos ocres, grises escuros, avermellados e brancos eran as súas predilectas, sempre fuxindo das estridencias.

Bibliografía

CHELÍN, casa de Galicia, Xunta de galicia, Madrid, 2000.

CHELÍN. Del rigor a la pasión. Una vida pintando, Círculo de las Artes, Lugo, 2011.

GALGA. Colectivo de Comunicación Obxectual, Edicións do Castro, Carnoedo, Sada, 1981.

Obra

  • Parchís Chino

    Parchís Chino 1997

  • Sin título

    Sin título 1987

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2026© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78