RAFAEL CALVO
Martínez Calvo, Rafael
( Vigo, 1950 )
Biografía
Formado inicialmente no taller Abracadabra, baixo a dirección de Castro Couso e Ana Martínez Pasarín, deuse a coñecer nas mostras colectivas que auspiciaba o Concello vigués na praza da Princesa en 1978. Empezou inmediatamente as súas exposicións individuais, que levou adiante en case tódalas cidades de Galicia. Participou en diferentes edicións da Bienal de Pontevedra, na que, en 1984, obtivo unha bolsa da Deputacion e na de 1992 o primeiro dos seus accésits. A súa obra coñécese tamén en Portugal xa que expuxo nunha prestioxiosa sala de Vilanova de Cerveira. Preocupado por diferentes técnicas, así como por modos de expresión plástica que non son estrictamente a pintura de cabalete, realizou un mural nas galerías comerciais da rúa do Príncipe, en Vigo, e impartiu un curso de maquillaxe e de caretas, que de dedicou a mestres en Pontevedra. Estivo presente na novena exposición da serie que Caixavigo celebrou nas súas salas con motivo de centenario da institución. Rafael Calvo militou sempre nunha abstracción de ascendencia barroquista, primeiro con vagas referencias formais e posteriormente non figurativa de cheo. Interesado pola materia, a súa obra presenta texturas moi elaboradas, con grumosidades, rascaduras e rugosidades de grande efecto plástico. A partir dunha realidade humilde e deliberadamente pobre, elabora as súas expresións, que teñen por base unha composición moi equilibrada, na que as formas que insinúa se inscriben ou asentan en superficies de referencia adiviñable-desconchaduradas de obra, muros semiderruídos cunha paleta moi entoada, con tonalidades contrastantes sen estridencias. Consegue, así, eleva-la anécdota a categoría pictórica, rigorosa e lírica, cunha traxectoria de evolución coherente.
Bibliografía
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
Antón Reixa "Os naufraxios interactivos de Rafael Calvo".
M. Ilarri "...entre bastidores e montaxes..." presentación del catálogo de la exposición en la que se reproduce su obra.