LUGRÍS VADILLO
Lugrís Vadillo, Urbano
( Vigo, 8 de mayo de 1942 - A Coruña, 1 de febreiro de 2018 )
Biografía
Urbano Lugrís Vadillo pertenceu a unha familia de artistas e escritores; o seu pai foi o pintor surrealista Urbano Lugrís e o seu avó o escritor Manuel Lugrís Freire. A súa infancia transcorreu na Coruña, onde acudiu á Academia de Galicia, na que tivo de profesor unha figura da categoría de Luis Seoane. Proseguiría a súa formación académica en diferentes cidades españolas, aínda que rematará por regresar á cidade herculina, onde acabará por traballar como maquinista naval, profesión que compaxina coa súa faceta creativa.
As primeiras obras deste autor datan de comezos dos anos 60 e estarán influídas polo estilo abstracto de César Manrique. Anímase a experimentar con texturas e elementos extrapictóricos. En 1962 terá lugar a súa primeira exposición individual na Coruña, na que exhibirá as súas propostas informalistas con boa acollida entre a crítica.
Debido á súa profesión como mariño, nas décadas dos anos 60 e 70, o mar converterase nun motivo recorrente, algo que permanecerá en toda a súa traxectoria pictórica. Este mundo mariño cribarao dunha ollada onírica e converterá as súas vistas nunha combinación de realidade e ficción, moi influenciadas pola literatura de Xulio Verne. As súas paisaxes mariñas non teñen referencias concretas e son froito dos seus anos de travesía e da súa imaxinación grazas á que constrúe espazos con restos arqueolóxicos, onde habitan seres e obxectos que o autor transforma ao seu antollo. A influencia da pintura paterna deixará, neste sentido, unha marca moi importante.
Nos anos 80 situou o seu estudio nunha casa-barco na localidade coruñesa de Mera e alí realizou todo o resto da súa produción, na que foi perfeccionando a súa persoal linguaxe plástica cos motivos mariños como motivos recorrentes.
A obra O peregrino, datada en 1985, responde ás características mencionadas do estilo de Lugrís Vadillo. Ante unha paisaxe mariña sitúa en primeiro plano a figura dun peregrino, toucado con sombreiro e cuberto con esclavina, situado ante unha arquitectura que podería ser a Catedral de Santiago, simbolizada polas dúas agullas a xeito de torres que se elevan recortándose sobre o ceo. Os elementos vexetais e mariños, como cunchas, espallados pola superficie captan a atención do espectador, que descobre o contraste da minuciosidade dos detalles na pintura deste autor cos espazos de reminiscencias metafísicas nos que sitúa figuras e obxectos.
Bibliografía
Mon, Fernando: Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña, Gaixa Galicia, 1987.
Pablos, Francisco: Plástica gallega. Vigo, Caixavigo, 1981.
VV. AA.: Urbano Lugrís. Xunta de Galicia. Ayuntamiento de A Coruña, 1989.