• Español
Colección de arte
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
  • Colección
  • Artistas
  • Obras
  • Préstamos
  • Tenda
  • Visitas
Inicio Colección Artistas
Ficha de autor

URBANO LUGRÍS

Lugrís González, Urbano

( A Coruña, 28 de enero de 1908 - Vigo, 23 de diciembre de 1973 )

Biografía

Fillo do escritor Manuel Lugrís Freire –que chegou a ser presidente da Real Academia Galega-, comeza o seu traballo realizando escenografías no famoso grupo La Barraca con Federico García Lorca e nas Misiones Pedagógicas, a grande aventura de rexeneracionismo cultural emprendida pola República. Porén, é a partir dos anos corenta cando o seu estilo se define e principia a súa intensa produción, que manterá até os seus derradeiros días, deixando unha ampla obra, en moitos casos realizada en murais para os máis diversos establecementos, como o Gran Hotel de Vigo (Vista de Vigo, 1953; Romería, 1953).

Lugrís é un creador dunha extremada singularidade, dono dun mundo paisaxístico cheo de maxia e estraña beleza que entronca co onirismo surrealista (Iniciación, 1956), mais que tamén evoca co seu etéreo estatismo as paisaxes quatrocentistas ou o universo flamengo, en especial os seus fabulosos nocturnos (Paisaje nocturno, 1950) con tonalidades azuis, grises e verdes, que dialogan nos seus cadros con abondosas figuras, tratadas cun  pormenorizado preciosismo.

Toda a obra de Lugrís é enormemente orixinal, mais nunca illada, nin falta de referencias. É a súa unha pintura que bebe do realismo máxico dos anos vinte e trinta. En común con esta tendencia, a pintura de Lugrís manifesta unha evidente ambivalencia entre reprodución fiel da realidade e creación autónoma da imaxe. Non debemos esquecer este ámbito artístico xeral porque cando Urbano Lugrís comeza a súa obra el, e o medio intelectual en que se forma, están moi ao tanto do acontecer no mundo da arte en Francia, Italia e Alemaña, países en que se desenvolven neses anos os realismos de entreguerras.

Deste contexto, proceden as meticulosas composicións de tema mariño, frecuentemente abertas á paisaxe (Paisaje con las Islas Cíes, 1965), tan características de Lugrís. Con freceuencia liga escenas de interior e exterior conseguindo unha construción sintética da visión paisaxística e da natureza morta (Fantasía marinera, 1946). Estes elementos manteñen un equilibrio dotando as composicións dun ar que lembra pinturas da Nova Obxectividade alemá, na súa vertente maxicista. 

En toda a súa obra podemos apreciar este particular mundo do artista, coas súas escenas submarinas, paisaxes mariñas e interiores, decote resoltas por medio de composicións ateigadas de obxectos e pequenas figuras, cunha tendencia marcada ao horror vacui e enchoupadas dunha intensa galeguidade, que se percibe en obras como San Telmo ou Fiesta (1948), onde as referencias á tradición popular galega son ben evidentes. Estamos frecuentemente perante pinturas que partindo dun carácter aparentemente anecdótico acaban por se conformaren como creacións de enorme orixinalidade. Nelas o artista constrúe paisaxes e naturezas mortas que funcionan como reflexos do eu. A natureza recreada, os seres quiméricos e os obxectos son un retrato do mundo referencial do artista: illas, sereas, buguinas, barcos, mapas, medusas, paisaxes..., ficando o elemento humano en segundo plano, sendo o mar o protagonista dominante e case exclusivo.

           

Carlos L. Bernárdez

 

Bibliografía

BALADA de los mares del norte : poemas, cuentos y ensayos, 1942-1973, Alvarellos, Santiago de Compostela, 2008.

CHAMOSO LAMAS, M.: «Arte», en Galicia, Edit. Noguer, Barcelona, 1976.

EL TESORO de Punta Herminia y otros textos sumergidos (1929-1965), Alvarellos, Santiago de Compostela, 2017. 

LUGRÍS. Exposición monográfica,  Caja de Ahorros Municipal de Vigo, Vigo, 1986.

LUGRÍS, paredes soñadas, Abanca, Obra Social, A Coruña, 2017.

REI NÚÑEZ, L.: O señor Lugrís e a negra sombra, Edicións Xerais de Galicia, Vigo, 2008.

URBANO Lugrís. Mostra antolóxica, Consellería de Cultura e Deportes, A Coruña, 1989.

URBANO Lugrís. Viaxe ó redor do meu mundo, Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1997.

VV. AA.: Un siglo de pintura gallega 1880/1980, Museo Nacional de Bellas Artes, Bos Aires, 1984.

Obra

  • Sin título

    Sin título 1969

  • Paisaje nocturno

    Paisaje nocturno 1950

  • Fiesta

    Fiesta 1948

  • Sin título

    Sin título 1969

Ver todas as obras
  • Aviso legal
  • Política de cookies
Copyright 2025© Fundación Galicia Obra Social © Das reproducións autorizadas, VEGAP, A Coruña, 2024
  • Colección de Arte Afundación

    Policarpo Sanz, 24-26. 36202 Vigo
    coleccion@afundacion.org
    986 12 00 84 / 986 12 00 78